Os socialistas anuncian mobilizacións e piden aos alcaldes do PP que defendan os intereses dos veciños e non actuen «como comisarios políticos de Eloina Núñez».

Os socialistas alertaron «das escuras intencións» do Goberno do PP de trasladar aos pacientes desde A Limia ao Hospital de Verín, e non a Ourense, que é a área sanitaria que lles corresponde. As deputadas no Congreso e na Deputación, Laura Seara e Elvira Lama, xunto co coordinador comarcal Euloxio Fernández, denunciaron esta mañá que o PP e concretamente Eloina Núñez pretende que os veciños da Limia paguen o pato da sua nefasta xestión ao frente da sanidade ourensá.

Así, os socialistas apuntaron que os responsables da xestión sanitaria xa se reuniron co persoal facultativo da comarca da Limia para manifestarlles a intención da Xerencia para que as especialidades de medicina interna e neuroloxía vaian directamente ao Hospital de Verín e non a Ourense, onde lles corresponde.

Os socialistas denunciaron que esta medida, rexeitada polos facultativos da Limia, xa recibiu resposta mediante carta asinada por eles e dirixida á xerencia. “Estamos ante unha medida sen consenso, feita a espaldas dos veciños e ca oposición dos persoal sanitario”, sinalou Lama.

Para os socialistas a causa desta decisión é «desbloquear o caos e o colapso que reina no CHUO día tras día e que sexan os pacientes da Limia os que paguen as consecuencias dunha xestión desnortada e catastrófica para a sanidade pública».
Os socialistas da Limia fan un chamamento á cidadanía para a súa mobilización e advirten que non se quedaran de brazos cruzados ante esta afronta.

“O PP sigue mudo”, destacan e por iso piden “o posicionamento dos alcaldes do PP da comarca particularmente do de Xinzo, para que defendan os intereses e dereitos dos veciños”. «A solución non pasa por peregrinar cos enfermos duns centros a outros, elevando o custo para as familias, nunha poboación envellecida que carece de medios de transporte coa comarca de Verín», conclúen.