O BNG quería que se lera antes do inicio da sesión plenaria de febreiro o manifesto da plataforma cidadá Queremos Galego, pero PP e DO non o apoiaron.

 

Nesa declaración, animábase aos veciños de Ourense a participar na manifestación que Queremos Galego convoca para o domingo, 8 de febreiro en Compostela. A postura de PP e DO evidencia, para o Bloque, «o desprezo ao idioma galego dalgunhas organizacións políticas».

Os nacionalistas propuxeran como declaración institucional o manifesto da plataforma cidadá Queremos Galego «dado que nos parecía o máis acaído tendo en conta a realidade que reflicten as enquisas e as medidas regresivas que segue aplicando o goberno da Xunta de Galiza».

Nese manifesto, indícase que «o maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou».

Asemade, pídese «compromisos reais materializados en accións concretas» para a lingua galega. «É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para pararmos esta desfeita».
Recorda Queremos Galego que o galego «continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego» e que é necesario unha promoción da nosa lingua.