Desde a Delegación da Xunta en Ourense non teñen coñecemento de que se empreguen os vehículos para asuntos persoais.

 

A CIG Autonómica critica o uso que lle están a dar aos coches oficiais na Delegación Territorial de Ourense. Dunha banda, este sindicato afirma que xefes territoriais están a usalos para fins particulares. “Podemos ver todos os días como se desprazan en coches da Xunta de Galiza, para asuntos persoais en moitas ocasións”, aseguran desde o sindicato.

Doutra banda, a CIG critica que o director xeral de Emerxencias Luis Menor teña asignado un coche oficial con dous condutores ao seu servizo, e que a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, se nega a compartir vehículo con outras persoas para ir a Santiago “co que a Xunta de Galiza envíalle un coche todos os días a recollela dende Compostela, co seu condutor, co gasto que eso conleva”.

O sindicato indica que a desconfianza que tiñan co anuncio feito no seu día por parte do presidente da Xunta da chegada da austeridade aos cargos públicos “vaise confirmando paseniño a paseniño. En Ourense, neste momento este concepto de austeridade é cada día máis difuso, por non dicir que é directamente unha tomadura de pelo”.

Coche oficial compartido
Desde a Delegación da Xunta en Ourense indicaron que non teñen coñecemento do uso de vehículos oficiais para asuntos persoais, senón que o parque móbil úsase para as necesidades da Delegación, como acudir a reunións en Santiago. No que se refire aos directores xerais, teñen coche oficial compartido, polo que se os horarios son compatibles, a directora xeral de Familia, a directora xeral da EGAP e o director Xeral de Emerxencias viaxan xuntos á capital galega.