Punto limpo móbil

A partir do 16 de febreiro realizará a diario unha ruta pola cidade para recoller pequenos residuos domésticos.

Que o cidadán non se teña que desprazar aos puntos limpos de Santa Mariña ou Eiroás senón que sexa o punto limpo o que se achegue á cidade é o motivo da posta en marcha dun punto limpo móvil a partir do vindeiro 16 de febreiro.

Neste punto limpo móbil poderán depositarse pequenos residuos xerados no fogar como un cedé, un fluorescente ou unha batería dun móbil, que moitas veces, como recoñecía Javier Janeiro, responsable da empresa que o xestiona, Ecourense, “acaban na bolsa de fracción resto”.

Aparellos eléctricos e electrónicos, mobles e enseres voluminosos, radiografías, restos de pintura, tintas e disolventes, aerosois, lámpadas e tubos fluorescentes, vidro plano, aceite usado de automoción, madeiras, ou metais tamén se poderán deixar neste vehículo, ao igual que outros produtos que xa contan con contedores na rúa, como roupa e calzado, aceite usado vexetal, papel e cartón ou pilas.

O vehículo iniciará o luns 16 de febreiro unha ruta pola cidade que o levará de luns a sábados a todos os recunchos de Ourense. Asi, os primeiros e terceiros luns de cada mes, visitará a rúa Río Mao, Santa Teresita, Río Bibei, Covadonga e a avenida de Marín; mentres que os segundos e cuartos luns de mes o vehículo fará ruta por Cabeza de Vaca, Seixalbo, Curuxeiras, Santa Mariña, Ceboliño, Velle, Cudeiro, Vilar de Astrés, Reza, Quintela de Canedo, Untes, Santa Cruz de Arrabaldo, Castro de Beiro, Caveanca e Palmés.

Os martes os puntos de recollida estarán na rúa San Pedro de Mezonzo, Vicente Risco, Ribeiriño, praza Alfonso Alcaraz e Praza Sorolla. Os mércores, nas Camelias, praza da Lexión, rúa Dalí, Pura e Dora Vázquez e rúa Manuel Murguía. Os xoves visitará a a.vv. do Polvorín, a praza de Santo Cristo, a avenida da Universidade, Pena Trevinca e praza Mariñamansa. Os venres, o punto móvil atenderá á poboación próxima á rúa dos Barrocás, Inmaculada, estrada da Granxa, rúa Xunqueira de Espadanedo e rúa Xunqueira de Ambía. Finalmente, os sábados, en horario de mañá, o vehículo fará paradas na praza do Ferro, praza da Imprenta, rúa Dr. Fléming, praza Eduardo Barreiros e rúa do Progreso.

En cada punto o vehículo permanecerá ao redor de media hora, e un operario axudará aos usuarios a elixir o contedor preciso para depositar cada residuo.

Recollida de voluminosos e contedores soterrados
O responsable de Ecourense explicou que continuará como ata o de agora o servzio de recollida de enseres e voluminosos mediante chamada telefónica e tamén de forma discrecional.

Pola súa banda, o edil de Limpeza, José Ángel Vázquez Barquero, informou de que está en proceso a saída a concurso da reparación dos contedores soterrados. Barquero explicou que mentres non volvan a funcionar, a empresa de limpeza “está realizando un trabajo continuo para reforzar el servicio”. De feito, concretou, “hay zonas en las que todos los días se hace un bolseo cuatro veces”, como na avenida da Habana.