As persoas interesadas poderán inscribirse desde o luns, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil.

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza un obradoiro de iniciación á interpretación, no que mozos e mozas, de entre 15 e 35 anos terán a oportunidade de achegarse ao mundo do teatro. O curso desenvolverase dende o día 18 de febreiro ata o 13 de abril, de luns a mércores, de 17:00 a 20:00 horas no Centro Cívico da Cuña.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través do correo electrónico espazolusquinhos@ourense.es ou presencialmente na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Praza de San Martiño, 2, baixo), desde o luns, 9 de febreiro, ás 9:00 horas. A actividade é de balde, as prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de presentación de solicitudes.

O curso desenvolverase no Centro cívico da Cuña dentro do obxectivo da Concellería de Xuventude de achegar as súas propostas de actividades aos barrios, aproveitando as infraestruturas municipais existentes, e de fomentar a participación.
O programa inclúe nocións de xogo dramático, espazo teatral, creatividade, recursos expresivos e improvisación. O curso animará aos/as participantes a descubrir esta arte escénica, trasmisora de emocións, sentimentos, e sensacións, compendio de artes plásticas, musicais, coreográficas, na que interveñen o corpo, as emocións e as relacións.

O curso pretende espertar inquedanzas cara os mecanismos do oficio, buscando o pracer do espontáneo e a parte lúdica do traballo escénico. Empregaranse diversas técnicas teatrais como xogo tendo en conta espazos, obxectos, accións, conflitos … Traballarase a importancia do grupo e tratarase de abrir camiños, favorecer o traballo creativo, potenciar a imaxinación mediante diferentes estímulos, dar a coñecer os potenciais vocais e corporais do/a intérprete; estimular a imaxinación, a percepción, a expresión; propiciar a concentración e a espontaneidade. Nas actividades estimularase o traballo creativo nun ambiente axeitado e potenciando a imaginación.