Sinatura convenios Termalismo saudable

A convocatoria ábrese este martes con modalidades de estancias de 6 días e fins de semana, tratamentos de termalismo e “viaxes termais” dende máis de 40 estacións de tren.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os representantes dos balnearios da provincia asinaron no Pazo Provincial o “Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal” 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

A convocatoria ábrese para todos os beneficiarios que desexen inscribirse no programa. Inclúe modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios, pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla tratamentos de termalismo, actividades culturais e “Viaxes termais” dende máis de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios, ida e volta.

Manuel Baltar asinou o convenio con Rafael Luaña, representante do Grupo Caldaria Termal; Eduardo Laherrán, do balneario de Baños de Molgas, e José María de la Figuera, do Gran Balneario de Carballiño. Tamén estiveron presentes no acto de sinatura os alcaldes dos concellos ourensáns que contan con establecementos balnearios: Lobios, Cenlle, O Carballiño, Baños de Molgas, Arnoia e Cortegada, e o director da Área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, quen explicou os aspectos técnicos do programa de “Termalismo saudable 2015”.

O presidente do goberno provincial dixo que esta é “unha aposta irrenunciable polo desenvolvemento dunha liña estratéxica e singular para impulsar a competitividade e promoción, entre outros, dos sectores termal e turístico da provincia de Ourense”, e engadiu que a cooperación entre as administracións pública e o sector privado “amosa unha vez máis as fortalezas desta colaboración, o que nos permite hoxe presentar o primeiro programa de España destas características, que incorpora entre as súas melloras a posibilidade que só en 5 minutos a través de Internet os interesados poida tramitar a súa solicitude e dispoñer da documentación para a súa estancia termal”.

O programa de Termalismo saudable 2015 estima poder superar este ano a cifra de mil beneficiarios. En 2014 foron 730 as persoas que se inscribiron neste programa, sendo 1 de cada 3 beneficiarios de fóra da provincia de Ourense. En opinión de Rafael Luaña “este programa, único en España, permítenos promocionar adecuadamente o denominado “ouro branco”, que non é outro que o termalismo da provincia de Ourense, contribuíndo así a manter a actividade e o emprego nos establecementos termais”.