Presentación libro sobre Antón Risco

A Deputación de Ourense presentou esta obra nun acto que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e no que participaron o presidente provincial, Manuel Baltar; o autor do libro, Arturo Lezcano, e o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco Daviña.

A Deputación de Ourense e a Fundación Vicente Risco presentaron a obra «Antón Risco, con nome propio», da que é autor o xornalista Arturo Lezcano (Ourense, 1939). O libro recolle as vivencias de cincuenta anos de amizade entre o autor e Antón Risco, facendo un percorrido pola súa infancia, etapa académica e as súas memorias como emigrante, ademais de narrar a súa relación con persoeiros como Valente, Virxilio, Julio López Cid e José Eduardo Valenzuela.

O acto contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o autor do libro e o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco Daviña. Baltar dixo que o apelido Risco “é clave na historia de Ourense e na súa universalidade”. Coincidindo estes días co 17 aniversario do pasamento de Antón Risco a Deputación de Ourense e a Fundación Risco “presentamos este libro que nos amosa dende diferentes perspectivas a obra e a traxectoria vital de Antón Risco como profesor, emigrante, amigo dos seus amigos e literato”.

Arturo Lezcano dixo que o obxectivo do libro hoxe presentado “é que a xente coñeza a verdadeira fondura e importancia da obra de Antón Risco, tendo como fío condutor as vivencias de case cincuenta anos da amizade que mantiven con el”. Lezcano subliñou o amor de Antón pola súa provincia “da que dicía: “Ourense ten espírito fino”, referíndose a que, a pesares dos problemas e das crises, a xente da nosa terra sempre aboia”.

O libro recolle testemuñas e colaboracións de xornalistas, escritores, amigos e mesmo familiares de Antón Risco, entre as que destacan as achegas da súa dona, de Franklin García Sánchez, Francisco Xavier Charlín Pérez ou Camilo Franco. “Para min Antón Risco foi o irmán que nunca tiven –explica Lezcano-, polo cal, este libro, é de investigación pero tamén de sentimento, ao que seguirán outras publicacións pois se foi moita a súa produción literaria coñecida tamén o é a que está inédita, pois Antón Risco ten escrito unha ducia de romances aínda pendentes de publicar”.