Xornada formativa en Previsel

Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral pechou as portas da súa 10ª edición nas que ofreceu un programa de máis de 50 actividades que espertaron o interese de 2.000 visitantes.

Entre as actividades celebradas na xornada de clausura destaca o seminario organizado polo sindicato CIG sobre o papel do delegado en prevención nas empresas que reuniu máis de 120 persoas e a continuación das actividades dirixidas a persoal sanitario organizadas por TESGALICIA e que foron seguidas por máis de 250 profesionais procedentes de toda a comunidade galega. Estas, xunto co Congreso de Seguridade contra Incendios que superou os 200 asistentes, foron as actividades que rexistraron maior participación.

Previsel pechou cun acto de clausura no que estiveron presentes distintos representantes institucionais e dos corpos de seguridade e onde quedou patente que “a prevención é hoxe en día un símbolo e calidade e de excelencia xa non só nas empresas, senón tamén na Administración e en todos os ámbitos da sociedade”, tal e como indicou o xefe superior en Galicia da Policía Nacional Eusebio Fraguas. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, indicou que “grazas á participación de todos, estamos a conseguir que a prevención sexa unha prioridade empresarial e ademais un investimento que sempre resulta rendible. A seguridade laboral vai unida agora á competitividade e á eficiencia da empresa, tendo en conta sempre que a formación neste sector é unha ferramenta básica para vencer a sinestralidade laboral”.

Durante este acto, fíxose unha entrega de placas aos colaboradores para recoñecer o esforzo realizado por máis de 25 entidades na organización do programa de actividades e que elixiron Previsel como aula para impartir formación en prevención especializada e dirixida a determinados colectivos profesionais.

Entre as actividades celebradas nesta xornada de clausura cabe destacar o seminario sobre a prevención de transtornos músculo-esqueléticos organizado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e o obradoiro sobre riscos laborais no sector do granito impartido polo ISSGA e que incidiu na prevención dos accidentes máis frecuentes neste sector e sobre as enfermidades profesionais derivadas deste oficio.