Para os nacionalistas, o balance dos oito anos que leva o PSOE a fronte da Concellaría de Persoal no Concello de Ourense «non pode ser peor».

Segundo o BNG, máis de 100 postos –12% do persoal municipal- están cubertos mediante comisións de servizo ou adscricións provisionais onde non se ten en conta nin os méritos nin a capacidade en condicións de igualdade. «Este xeito de actuar xera desmotivación nas traballadoras que saben que os ascensos dependen só de decisións políticas e, por outra banda, as beneficiadas non exercen o seu labor con independencia dado que atenden, prioritariamente, a directrices políticas», denunciaron as concelleiras nacionalistas Susana García e Ximena González.

A xuízo das edís do Bloque «é tal o desastre que existe en materia de persoal que moitos servizos están sobredimensionados e outros sobrecargados de traballo». Segundo García están desmantelados o servizo eléctrico, o viveiro municipal, a xestión das multas e urbanismo, onde hai veciños esperando por unha licenza de obra menor dende hai meses.

As nacionalistas recordaron que no ano 2012 contratouse unha consultora, á que se lle pagou 21.000 euros por facer un estudo que avaliara a situación do persoal. «O resultado foi o mesmo que lles viñan dicindo os sindicatos e o mesmo que criticaba o BNG, primeiro dende o goberno e logo dende a oposición. O PSOE non resolveu daquela e seguiu na mesma liña, a pesar das sentenzas xudiciais que obrigaron, por exemplo, a converter en persoal indefinido ás persoas contratadas mediante asistencias técnicas. Neste asunto, a deslealdade do PSOE foi especialmente grave dado que tentou implicar ao BNG en contratacións que eles fixeran», sinalan desde o BNG.

Para o BNG a solución a todos estes problemas pasa pola elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, sacar os postos vacantes a concurso e motivar ao persoal cunha promoción interna.