Jorge Pumar e Carlos Floriano

Nunha reunión en Madrid, o coordinador de campaña provincial, Jorge Pumar, explicoulle a Carlos Floriano os mecanismos telemáticos postos en marcha polos populares ourensáns, así como o plan de acción de campaña planificado polo PPOU.

A sede nacional do Partido Popular en Madrid, na rúa Génova, acolleu este mércores unha reunión dos responsables das campañas electorais provinciais co coordinador da campaña nacional, Carlos Floriano, co fin de aunar estratexias de cara aos vindeiros comicios municipais do 24 de maio.

Neste encontro, o coordinador provincial da campaña, Jorge Pumar, amosoulle a Carlos Floriano o plan de acción de campaña provincial planificado polo PP de Ourense, así como os mecanismos telemáticos postos en marcha polos populares ourensáns no tocante á elaboración dos Programas Electorais Participativos. O coordinador nacional da campaña do Partido Popular enxalzou a iniciativa do PPOU de recabar propostas -para a súa inclusión nos programas electorais locais e provincial-, a través da aplicación web www.ppou.es/Propuestas e a través do servizo de mensaxería WhatsApp no número de teléfono específico 635 92 92 92. De feito, Carlos Floriano recalcou que o PP estudará «exportar» esta iniciativa a outras provincias de España.

Pola súa banda, o coordinador provincial da campaña do PPOU, Jorge Pumar, salientou que o Comité Provincial de Campaña dos populares ourensáns foi o primeiro de toda España en ser contituido, cun «intenso programa de traballo» que este mes se centra en reunións periódicas con todos os candidatos e presidentes locais do PPOU nos diferentes partidos xudiciais da provincia.