María, desafiuzada

A Plataforma Stop Desafiuzamentos critica que o IGVS non lle ofrecera vivenda social na capital ourensá.

Ata o 2 de marzo aprázase o desafiuzamento de María, unha veciña da Ponte con dous fillos ao cargo que ía ser despexada da súa vivenda en aluguer este luns 23 de febreiro, por un impago de 2.170 euros.

Tras negociar coa comisión xudicial que ía proceder ao despexo, María conseguiu que o desafiuzamento se adiara unha semana, “para darme la oportunidad de sacar las cosas con tiempo”, explicaba ela mesma aos medios de comunicación.

Con dous fillos, un de 18 anos e outro dun ano, ao cargo, María relatábanos o seu caso: trasladouse a esta vivenda no número 1 da avenida das Caldas fai un ano, ao nacer a súa filla pequena. Daquela, sen ingresos (era autónoma en paro) solicitou unha axuda de emerxencia, que lle foi denegada, pero que recurriu. “Espero contestación desde el mes de julio”, afirmou. A axuda do RISGA foille concedida en setembro, 500 euros cos que tiña que asumir os gastos de 310 euros mensuais de aluguer, subministros de luz e auga e a alimentación da súa familia. Tras sete meses de impago do aluguer, a propietaria arrendadora da vivenda iniciou un procedemento de desafiuzamento exprés.

María contactou con Stop Desafiuzamentos en xaneiro e a través deste colectivo dirixiu senllos escritos aos Servizos Sociais do Concello de Ourense e á Delegación de Vivenda da Xunta en Ourense. O venres 20 de febreiro, a delegada de Vivenda ofrécelle a esta familia unha vivenda social ben en Castro Caldelas ben en Carballeda de Valdeorras, unha proposta que desde a Plataforma “desarraigaría por completo a esta familia”, apuntaba o seu voceiro, Roberto Pereira. “Me mandan fuera de Ourense donde no tengo oportunidad de salir adelante”, opinaba María, quen engadía que o seu marido acababa de empezar a traballar (dez horas semanais fregando pratos), traballo que perdería se se tiñan que trasladar da cidade.

“A partir de hoy quiero buscar una vivienda que yo pueda pagar”, expresaba esta ourensá cales eran as súas intencións, ao tempo que agarda “una contestación de las administraciones a las ayudas que estamos pidiendo”.

Incumprimento da obriga constitucional
Membros da Plataforma Stop Desafiuzamentos estiveron na mañá deste luns arroupando á María fronte ao piso no que residiu este último ano, no barrio da Ponte. Coa súa presenza querían “facer visible o incumprimento do obriga constitucional de proporcionar vivenda digna os seus cidadáns”.

Pereira recordou que Ourense lidera a media estatal de vivendas baleiras cun 22,7% do total, isto é, 55.936 de 245.970, “ante a pasividade do presidente da Xunta de Galicia que prometera 500 vivendas de alugueiro social”.

A súa protesta trasladouse pouco despois ante o novo edificio xudicial que inauguraba este luns o presidente da Xunta, onde corearon lemas como “máis vivenda social e menos desahucio xudicial”.