Showcooking en Xantar

O programa da 16ª edición de Xantar ofrece máis de 100 actividades que apostan pola profesionalización do sector hostaleiro.

Isto é o que ofrece o programa do 10º Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde que se celebra no marco do salón. Este programa de actividades incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións.

Xantar contará por primeira vez con dúas aulas gastronómicas nas que prestixiosos chefs de Galicia, Portugal e Costa Rica farán exhibicións de cociña en directo.

O programa de showcookings organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar levará ata Expourense a recoñecidos cociñeiros galegos que impartirán obradoiros con produtos de calidade e que cada día (ás 13.00 h.) serán maridados cos viños dunha das cinco Denominacións de Orixe de Galicia. Estas actividades complementaranse con catas profesionais de viños por exemplo do Ribeiro ou Monterrei, e tamén de Mel e de Queixos con D.O. ou I.X.P. de Galicia.

Pola súa parte, o Grupo Cuevas realizará degustacións diarias nas que dará a coñecer os seus produtos máis novidosos enmarcados nunha alimentación sana e equilibrada. Este programa incluirá ademais obradoiros de cociña con Razas Autóctonas de Galicia, do Cluster Galego da Carne, exhibicións de coctelería e de café.

Outra das entidades que apostou por Xantar para dar a coñecer os seus produtos gastronómicos foi Turismo de Porto e Norte de Portugal. Haberá ademais actividades dirixidas a públicos concretos como os celiacos, cun showcooking de menús sen glute ou o obradoiro infantil sobre a prevención activa da obesidade.

O salón organiza o 3º Concurso de cociña “Xantar Gourmet” no que os concursantes deberán preparar unha receita que conteña un produto gourmet galego e dous produtos de calidade de Galicia.

Xantar será o espazo elixido para dar a coñecer distintas iniciativas como é o caso do programa “ComeOurense” promovido pola Concellería de Medio Ambiente de Ourense. Pola súa parte, a Concellería de Turismo de Ourense presentará neste foto a marca “#saboresdeourense” e o Concurso de Pinchos Primavera 2015.

Por outro lado, a Consellería de Sanidade organizará unha mesa redonda sobre nutrición e seguridade alimentaria na que presentará o Plan Xermola para prevención da obesidade infantil; a Guía de orientación para comedores escolares a Información sobre alérxenos facilitada ao consumidor. Esta Consellería entregará ademais o premio ó “Menú máis saudable” de todos os ofrecidos nesta edición.

Outra das actividades que terá continuidade será o XI Encontro Internacional de Cofradías Gastronómicas e Enófilas que espera repetir o éxito da última edición na que reuniu a 50 entidades sendo o segundo encontro deste tipo con máis representantes a nivel mundial.

Actos especiais
Xantar inclúe ademais unha serie de actos especiais centrados en recoñecer a traxectoria de empresas e profesionais da hostalaría e o turismo. Este é o caso do Acto de recoñecemento aos cociñeiros con Estrelas Michelín e Soles Repsol de Galicia ou a entrega dos “Platos de Oro” de Radio Turismo a restaurantes e casas de turismo rural.

Encontro bloggers
Durante cinco días, Xantar converterase no epicentro da actualidade vencellada co turismo e á gastronomía e nisto contribuirán os medios de comunicación xeralistas e especializados acreditados para realizar a cobertura do salón e entre os que destacabn este ano os participantes no “Encontro de Bloggers de Turismo e Gastronomía” que proceden de ditintas partes de España e Portugal. Está acción conta co patrocinio do Cluster de Turismo de Galicia.