Entrega premios Coopera á Mancomunidade de Celanova

O presidente da Deputación participou no acto de entrega dos premios “Coopera Galicia” de entidades locais, un dos cales recibiuno nesta edición a Mancomunidade Terra de Celanova pola implantación dun sistema de xestión automatizada de instalacións.

 

Manuel Baltar felicitou á Mancomunidade Terra de Celanova polo galardón recibido, e en concreto ao seu presidente, José Antonio Pérez Cortés, alcalde de Quintela de Leirado, “porque achegar a innovación aos cidadáns a través de sistemas que favorezan as telecomunicacións, as xestións e a eficiencia, permite aforrar custes e sermos máis eficaces na prestación de servizos ás veciñas e veciños dos nosos concellos, que é a razón de ser do noso traballo”.

Os Premios “Coopera Galicia” que convoca a Xunta recoñece os mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas.

O proxecto premiado para a xestión de aforro mediante un “Plan inmótico”, desenvolvido pola Mancomunidade Terras de Celanova, refírese á incorporación aos edificios desta mancomunidade de sistemas de xestión técnica automatizada das instalacións, o que permite reducir o consumo de enerxía das mesmas convertendo aos edificios en “Intelixentes” e incorporando sistemas de información neles que ofrecen servizos avanzados da actividade e das telecomunicacións.

O proxecto implementa un control automatizado, monitorización, xestión e mantemento dos distintos subsistemas e servizos de cada edificio, de forma óptima e integrada, local e remotamente, co cal o que se pretende é a automatización integral dos edificios con alta tecnoloxía. A centralización dos datos dos edificios posibilita controlar de maneira sinxela desde un ordenador os estados de funcionamento ou alarmas dos sistemas que compoñen as instalacións, así como os principais parámetros de medida.