Solta dun gavilán no parque da Serra da Enciña de Lastra

A Xunta celebra no parque natural Serra da Enciña de Lastra o Día Mundial da Natureza.

 

“Os montes da Serra da Enciña da Lastra conforman un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da comunidade galega, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe”, sinalou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que participou nesta conmemoración.

Xunto a el, escolares do CEIP de Rubia “Virxe do Camiño”, que visitaron o Centro de Interpretación de Biobra onde viron un documental do parque natural Serra da Enciña da Lastra, no que se salientaban os os principais valores naturais do espazo protexido e as especies de fauna e flora protexidas existentes nesta zona, e presenciaron a solta dun gavilán do centro de recuperación do Veral en Lugo. Rogelio Martínez lembroulles que “é unha obriga para todos o seu coidado e mantemento. Estou seguro que a vosa estadía neste parque servirá para concienciarvos un pouco máis da importancia da protección da natureza”.

Neste acto o delegado territorial estivo acompañado polo xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Infraestrutura e Territorio, Victoria Núñez, e polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez.

O delegado territorial, na súa intervención, expuxo que a Xunta de Galicia neste parque natural, de máis de 3.150 hectáreas de superficie, leva investidos máis de 615.000 euros desde 2009. Estas subvencións “veñen a ratificar o compromiso da Xunta coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais da nosa comunidade e,máis en concreto, desta provincia”, afirmou.

Durante este ano está previsto que se execute as obras de sinalización do parque, o acondicionamento do Centro de Interpretación, e os traballos de protección de hábitats mediante o control de especies invasoras, proxectos que contan cunha achega se 63.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.