Eladio Pérez

O presidente da Asociación de Veciños Arranxar, Eladio Pérez, achéganos á súa longa historia como representante veciñal e aos problemas aos que o barrio das Camelias fai fronte a diario.

Eladio Pérez é un dos representantes veciñais referentes na cidade de Ourense. Leva toda a vida loitando polos intereses comúns, tanto dende a asociación de veciños que preside, Arranxar (no barrio das Camelias), como durante os anos que formou parte da Federación Limiar. Estivo moi próximo á política, pero nunca sentiu interese por entrar nela e agora ten claro que fixo o correcto, “os partidos úsante, utilízante e despois tírante”, denuncia. Falamos con el e coñecemos da súa propia voz o complicado que resulta lidiar con autoridades e veciños.

Cando se fundou Arranxar?
Eladio Pérez: “Empezou en 1988. Un grupo estabamos na directiva da asociación de veciños do Castelo, saimos dela e fundamos esta. Os primeiros anos fixemos as actividades e as reunións no local de Aspanas na avenida de Portugal, pero despois estando Veiga Pombo de alcalde inau-gurouse este local (ubicado na praza da Muiñeira). Pero como se nos quedaba pequeno collemos outro enfrente. Por aquel só se pagan 200 euros de aluguer, e por este 180, polo que os dous son asumibles”.

Nestes anos cambiaron os problemas do barrio?
E.P.: “Algúns fóronse solucionando pero queda moito por solucionar. Un dos máis graves é o río Barbaña. Nós organizamos dous anos un campionato de pesca para demostrar que o río tiña vida, pero na terceira edición foi cando se atoparon os 17.000 peixes mortos. Posteriormente volveuse recuperar, pero volveu haber vertido tóxico. E así estamos continuamente. Hai moitas tubaxes que verten no río de mala maneira. Isto é un escándalo, un problema gordo. E aínda que sexa complicado deben arranxalo”.

Que outras reclamacións estades facendo actualmente?
E.P.: “A ponte que hai xunto á praza de Abastos está chea de fochancas e cando chove énchese de auga e cando pasan os coches salpican aos peóns. É vergonzoso que estea todo así neste século ao lado do centro.

Agora estamos pedindo tamén que melloren tamén un parque infantil bastante grande que está cheo de area, e entran os cans a facer as súas necesidades e logo os críos van xogar. Debe ser todo caucho.

Tamén pedimos que quiten unha especie de palmeiras que hai xunto a uns garaxes, porque as raíces son tan grandes e fortes que están danándolles as paredes.

A nivel de xardíns tamén estamos abandonados, porque hai algúns que non podaron, e pediuse que o fagan. E tamén hai deficiencias en limpeza.

Ademais, quero dicir que apoio totalmente aos veciños do parque Barbaña, porque a pasarela está en moi mal estado; e o día de feira deixan todo suxo e tirado, con plásticos no río.

As peticións fanse insistentemente pero vai todo moi lento. Os políticos van vir a partir de agora, porque lles interesa, pero o resto do tempo ignórante”.

E como ves o movemento veciñal?
E.P.: “Eu cúlpome a min mesmo, porque estando na Federación Limiar apoiei a un determinado partido, e os partidos úsante, utilízante e despois tírante. Agora doume conta. Gustaríame un movemento veciñal máis forte, reivindicativo, pero no momento en que as asociación estamos condicionadas por subvencións non hai maneira. Como che dan decides calar un pouco. E agora arrepíntome de ter calado. De todos os xeitos fun bastante crítico e díxenlles moitas cousas, pero non che fan caso”.

O movemento veciñal e a política están demasiado unidos?
E.P.: “Do movemento veciñal saíron moitos políticos. Pero vexo que moitos ao chegar á política do movemento veciñal esquécense. Eu nunca tiven ningunha aspiración política e iso que tiven as miñas ofertas fai 20 anos, entre outras cousas porque eu estaba no Partido Socialista. E con Cabezas e Poli tamén tiven as miñas posibilidades, pero nunca me interesou.
Ademais, sempre dixen que se ía a metade do meu soldo ía para ONG´s da cidade, pero houbo quen se molestou porque o dixen publicamente, porque os deixaba quedar mal, pero é o que penso”.

Rexeitaches ofertas políticas de diversos bandos, para ti o movemento veciñal é algo vocacional?
E.P.: “Si, por suposto, sempre mirei polo ben común e non por intereses persoais. Eu tratei de aunar esforzos e de feito, por exemplo, recorrín toda a provincia indo por asociacións para informalas do tema do seguro de responsabilidade civil, porque a xente desconfiaba e estabamos en cueiros. E tamén loitei contra a supresión da tarifa eléctrica nocturna.

Pero eu sempre tiven intereses deste tipo. Cando tiña 18 anos en Barcelona presidía unha peña, non era unha asociación porque daquela non podían formarse. E despois fun ao longo da vida meténdome no movemento veciñal”.

É complicado ser representante veciñal?
E.P.: “Si, primeiro polo tema das subvencións que che comentaba. Nós cobramos 12 euros ao ano por familia e con iso non che chega a nada. Ademais, non pagan todas as familias. Somos uns 9.000 habitantes na parroquia, sería mellor que houbese unha asociación soa? Seguro que si. Carlasca naceu dunha escisión desta, Arturo estaba con nós, pero houbo diferencias e dimitiu. E fundou unha Cultural Deportiva e logo pasouna a asociación de veciños. Agora ten asociación de veciños, deportiva, xuvenil… pero a lei permíteo, aínda que está claro que non é o mesmo”.

Lidiar coas autoridades, os intereses políticos e incluso a lei é complicado para os representantes veciñais… e concienciar aos veciños?
E.P.: “Iso tamén é moi difícil. Cando foi o tema da tarifa eléctrica nocturna movémonos moito, incluso recollemos máis de 2.000 sinaturas que presentamos na Subdelegación, pero cando chegou a hora de facer a manifestación non había nin 1.000 persoas e iso xa te decepciona. Tiñan que ter vido 4.000 ou 5.000 polo menos.

Acá no barrio conseguimos a remodelación dun parque infantil, loitamos moito polo tema, e escoitas dicir aos veciños que a asociación non fixo nada, que o Concello o ía facer igual, e iso doe. Ademais, nós non cobramos nada, como si fan noutras asociacións. Todos os membros da directiva pagamos a cota como os demais veciños, e pagamos as excursións como calquera, non nos quedamos con nada. A estas alturas nós todos pagamos a cota anual e aínda hai máis de 40 familias do barrio que non, e entón hai comentarios que che quitan as gañas e te desilusionan.

Ademais, xa lle teño dito a María Devesa que faga impor o regulamento de participación cidadá e poñer unha cota similar. Porque non é normal que eu cobre 12 euros e acá ao lado cobren seis, non estou dacordo con iso.

Acá houbo algún membro da directiva que quixo abrir un bar dentro do local da asociación pero negueime, porque hai catro bares na zona, que non dan gañado para os gastos e non lles vou facer eu a competencia. Pero noutras asociacións si os hai, cobran como noutros bares e que me expliquen despois a onde vai ese diñeiro que gañan. Eu podo entender iso nun pobo pero non na cidade”.

Despois de tantos anos pensa na retirada?
E.P.: “Si, estou canso, pero de momento sigo porque hai xente da directiva que me di que se marcho eu marchan comigo, pero si o teño pensado, porque eu tamén teño a miña vida e as miñas circunstancias persoais”.

Ademais da xestión de queixas, que actividades organiza Arranxar para os veciños?
E.P.: “Os luns temos costura, os martes bolillos e pilates, e o xoves baile. E organizamos ceas no magosto, entroido, e excursións. Este foi o primeiro ano que non puidemos facer a de entroido por diversos problemas persoais de varios da directiva e só quedábamos dous e non dabamos feito”.

Envíalle unha mensaxe aos veciños.
E.P.: “Quero pedirlles que procuren participar máis nas actividades que organiza a asociación. Estou moi contento dos que veñen aos cursos, porque incluso veñen de zonas limítrofes e agradézollo. E tamén lles pido que nos apoien máis porque loitamos pola zona e as cousas consíguense se hai forza e unión”.