María Justa Gutiérrez e Julia Vázquez

A presidenta da AVV Casco Vello, María Justa Gutiérrez, e a secretaria, Julia Vázquez, achégannos ás necesidades máis básicas dunha das zonas turísticas referentes na cidade.

Que o Concello de Ourense semella preocuparse máis polo centro da cidade que pola periferia é unha queixa común dos distintos representantes veciñais, pero falando coa presidenta e a secretaria da AVV Casco Vello vemos que non sempre esta regra se cumpre. Problemas de limpeza, mantemento de mobiliario urbano, seguridade, son dificultades ás que fan fronte a diario. Pero a estas deficiencias, que se denuncian en cada recuncho da capital, súmaselle no seu caso outros escollos, como foi o das tarxetas de acceso á zona vella. Falamos con María Justa Gutiérrez e Julia Vázquez.

Cando se fundou esta asociación?
María Justa Gutiérrez: “Fundouse polo tema do PERI en 1989 porque os veciños non sabían moi ben como se ía a tratar o tema, entón xuntáronse. Pero co paso dos anos foise ampliando, incluíndo actividades e dando asesoramento”.

Canto tempo levades vós formando parte dela?
M.J.G.: “Dende o 90 e pico como socias, e como presidenta e secretaria dende 2008”.

Nestes anos foron mudando os problemas da zona?
M.J.G.: “A zona cambiou moito. Nos 80 e 90 tivemos un foco moi grande de drogadicción e foi complexo, era unha zona bastante problemática, pero na actualidade os nosos problemas son coma os dos outros barrios”.

Cales son os problemas máis habituais?
M.J.G.: “Seguramente os de todos, pero tamén algún a maiores puntual. Como foi o caso das tarxetas de acceso, que parecía que estábamos nun gueto, estabamos pechados, non podíamos acceder á nosa propia casa e ademais cobrábannos por entrar. Algo que non pasa en ningunha outra parte. E para solucionalo só nos axudou o BNG. Foron os que se moveron, porque nós podemos facer presión como asociación pero precisas de alguén que estea dentro.

Polo demais, hai as mesmas deficiencias que noutros barrios, de limpeza (recollida de basura, sumidoiros, excrementos de cans…), seguridade, pedras soltas no chan…

Hai que darlle as grazas á xente nova e aos comerciantes que están montando negocios e dándolle vida. Dende o Concello queren que a xente veña a vivir e a emprender acá, pero se non hai condicións é imposible que se animen”.

Julia Vázquez: “O problema está na burocracia, no que se tarda en facer os trámites. Co paso dos anos volven todo máis complexo, o papeleo para presentar calquera cousa é moi longo, antes era máis sinxelo e as queixas e peticións eran máis áxiles, pero agora todo se alonga.

Porque xa co do PERI os edificios teñen que ter unhas determinadas condicións, pero terían que darlles unhas facilidades aos emprendedores, porque estamos moi abandonados, principalmente dende a praza Maior ata o Posío. Cren que se ve máis a parte próxima ao centro, pero cando os turistas veñen visitan todo”.

Houbo melloras, pero non as suficientes?
M.J.G.: “Exacto. Por exemplo, fixeron moi ben en rehabilitar edificios da zona vella para poñer neles estamentos municipais, como é o servizo de Recadación, pero non lle poñen indicacións e os veciños pasan o día facendo de guías, porque a xente non sabe onde quedan. Hai que poñer máis carteis e de maior tamaño, conservando a estética da zona, claro”.

Como ten sido a resposta das autoridades municipais ás queixas dos veciños?
M.J.G.: “Nós poñemos moitas queixas na oficina de Atención ao Cidadán e tardan moito en resolvelas. E é que hai cousas que non as prevén ben, porque, por exemplo, fúndese unha bombilla, como é lóxico porque non son eternas, pero deberían ter a alguén ou mesmo a Policía Local controlando iso.

Nós, ademais, sempre temos problemas coa limpeza despois da Feira Medieval, principalmente onde poñen as comidas, e os veciños quéixanse. E iso no Concello xa o saben, son cousas obvias que pasan todos os anos, o máis lóxico é que xa teñen previsión para o servizo de limpeza.

O mesmo aconteceu coas luces de Nadal. Todos os anos hai esas festas e se colocan as luces, pero non é lóxico que houbera ese retraso.

E todas esas cousas pasan por falta de previsión”.

Hai algunha autoridade que se prestase máis a axudarvos?
M.J.G.: “De momento, os únicos que fan reunións cos veciños son os do BNG, ningún máis. As nosas portas están abertas para todos, nós somos apolíticos, pero a realidade é esa. Eles fan charlas coa xente para coñecer os problemas do barrio”.

Está mellor tratado o centro que os barrios?
M.J.G.: “Non. Aos demais pasaralles como a nós, que non nos fan caso, falta mobiliario urbano, temos problemas de limpeza… nós estamos no centro e téñennos abandonados”.

O voso labor é vocacional.
M.J.G.: “Si, totalmente. O que pasa é que para nós o barrio é a nosa casa, e consideramos que temos que coidalo e preocuparnos del para que estea o mellor posible. Preocúpaste polo ben común, relaciónaste moito coa xente do teu barrio e estás pendente del. Somos unha especie de gran familia”.

J.V.: “Nós levamos toda a vida vivindo acá e involucrámonos, porque é a nosa zona, e sempre a queres ver ben, non deixar que se deteriore e que as autoridades non fagan nada. Pero de xeito individual non se fai nada, as asociacións son imprescindibles para facer forza”.

Ademais, organizades actividades?
M.J.G.: “Si, ioga, aquagim e memoria, cursos patrocinados pola Concellería de Participación Cidadá. Ademais, organizamos pola nosa conta excursións, festas polo magosto, carnavais, Nadal, charlas, manualidades…”.

Enviádelle unha mensaxe ás autoridades.
M.J.G.: “Neste momento estou valorando moito unha iniciativa do BNG de que as asociacións de veciños teñamos representación no Concello e iso paréceme moi interesante, porque os políticos non teñen por que saber todo o que acontece en cada zona, e para iso está ben que os veciños poidan transmitirlles os problemas e así sexan conscientes do que pasa”.

E outra aos vosos veciños.
M.J.G.: “Os nosos veciños xa saben que estamos acá para o que precisen, nós facemos todo o que está na nosa man. Só teñen que vir e comentarnos os problemas que vexan porque ao mellor nós non nos damos conta, porque non podemos estar en todo o barrio. Pero tamén precisamos máis participación e involucración pola súa parte, moitos quéixanse pero poucos dan a cara por medo a que lles digan algo. E non é así, temos que estar unidos e facer forza. Non é que teñamos moito poder, pero a asociación representa a todo o grupo”.

J.V.: “E en realidade o que facemos é para o ben de todos, e a unión fai a forza. De nada nos vale que veñan e nos expoñan as queixas se despois non nos firman os escritos. Pero que veñan e nos digan o que pasa, facemos os escritos que sexan necesarios, que para iso estamos”.