Teñen preparado para este 2015 numerosas visitas guiadas ao Mosteiro, a Torre das Campás, Vilanova e Castromao.

 

O Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez traballarán durante 2015 en conxunto para ofrecer ó visitante que se achegue a Celanova a mellor atención e o acceso novamente a todo o seu patrimonio monumental e inmaterial.

Desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006, a Fundación Curros Enríquez comezou a tomar un papel importante na promoción cultural da vila de San Rosendo a través da literatura dos seus poetas. O elevado aumento do número de atencións por parte de esta entidade durante o ano 2014 con respecto a anos anteriores demostraron unha vez máis o interese que esta vila suscita polo seu patrimonio inmaterial. A incorporación de novos acompañamentos culturais propiciou así mesmo por parte da Fundación Curros Enríquez a incorporación de novo persoal permitindo de novo o acceso durante 2015 a lugares moi demandados en canto á súa visita como son a Torre da Homenaxe e a Cova de San Vivián en Vilanova dos Infantes.

Para 2015 Celanova estará aberta a todo aquel visitante que se queira achegar a esta vila realizando un verdadeiro paseo pola historia de Galicia. Empezando pola cultura castrexa coa visita ó xacemento de Castromao, pasando pola etapa medieval coa visita ó conxunto medieval de Vilanova dos Infantes ou á capela mozárabe de San Miguel, ata a idade moderna representada na arte barroca do Mosteiro de San Salvador. E así ata os nosos días a través das palabras dos nosos ilustres poetas Manuel Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro por exemplo coa visita da Casa dos Poetas. Un paseo ó que en 2015 se lle quere incorporar un final inesquecible como é o acceso á Torre das Campás.

Novos horarios
Así, veñen de presentar os novos horarios de atención dos lugares máis emblemáticos da vila e os seus arredores.

Deste xeito, a oficina de turismo municipal estará aberta de martes a sábado de 10:30 a 14 e de 16:30 a 19 horas. E a Casa dos Poetas eses mesmos días de 11 a 13.30 e de 16 a 19 horas.

Pola súa banda, o Mosteiro de San Salvador e a Capela Mozárabe de San Miguel recibirán visitas guiadas de martes a sábado ás 11, 12:30 e 16:30 horas (a partir do cambio de hora tamén se ofrecerá unha visita ás 18 horas); e a Torre das Campás poderá ser visitada tamén de martes a sábado ás 12 e 17.30 horas

Así mesmo a Torre da Homenaxe de Vilanova dos Infantes terá un horario de atención ao público os venres de 16 a 18 horas, e sábados e domingos de 12 a 14 e de 16 a 18 horas (a partir de abril será de 17.30 a 20). Ademais, ofrecerase a posibilidade de realizar un paseo guiado ata a Cova de San Vivián con acceso incluído.

Por último, os interesados en coñecer o poboado castrexo de Castromao poderán participar nas visitas guiadas que terán lugar os domingos pola mañá, con reserva previa.