O Salón internacional de turismo gastronómico terá lugar en Expourense do 4 ao 8 de marzo.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consello Galego de Cooperativas, na súa liña de impulso e recoñecemento do modelo cooperativo, aborda unha nova iniciativa de promoción e comercialización de produtos de alta calidade. Será no certame gastronómico internacional Xantar 2015, que se celebra en Ourense dende este mércores 4 de marzo, e ata o domingo día 8.

No espazo habilitado polo Consello Galego de Cooperativas para a promoción desta fórmula empresarial, os visitantes poderán recoñecer e degustar os produtos cooperativos galegos, a través das nove empresas cooperativas presentes nesta ocasión no stand, que permitirán a degustación dos lácteos e queixos das sociedades cooperativas Campo Capela (A Capela-A Coruña); Condado-Paradanta (As Neves-Pontevedra); e Cooperativa Agraria Provincial da Coruña-Granxa O Cancelo (Arteixo-A Coruña); os viños de Bodegas Eidosela (Arbo-Pontevedra); Bodega Cooperativa Jesús Nazareno (O Barco de Valdeorras-Ourense); e a Adega Cooperativa Virxe das Viñas (A Rúa-Ourense); a carne dos cooperativistas de Monte Cabalar (A Estrada-Pontevedra) e os peixes e mariscos de Anaco (Santiago-A Coruña) e o Canto da Balea (Carnota- A Coruña).

A Consellería de Traballo e Benestar tamén está presente en Xantar 2015 para promover e difundir os valores do cooperativismo como fórmula de autoemprego, equidade e competitividade empresarial. E é que a importancia das cooperativas en Galicia constátase por si mesma, como amosan as súas propias cifras. Neste intre, existen máis de 1.240 cooperativas activas que superan os 90.000 socios e xeran máis de 18.600 postos de traballo directo.

 

O destino Chaves-Verín reforza a súa imaxe

O destino Chaves-Verín tamén estará presente non 16º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, cun posto que promoverá o destino e os seus produtos entre potenciais operadores turísticos.

A participación nesta feira permite revalorizar os produtos gastronómicos e vitivínicolas destes dous municipios, ademais de promoverse activamente ante miles de visitantes como un destino termal de excelencia, no que existe a maior ocncentración de mananciais de augas termais e mineiro-medicinais da Península Ibérica.

A presenza do posto de Chaves- Verín, con información turística e dos establecementos colaboradores de hostalaría e restauración de ambos os dous municipios será unha constante tanto en feiras sectoriais de proximidade coma en mercados nacionais. Esta actuación dá resposta á demanda do sector co fin de seguir traballando para atraer visitantes de mercados próximos, tanto nacionais como os internacionais que se encontran a menos de catro horas de desprazamento.

Tras Xantar, a seguinte cita promocional non tardará, pois os días 20, 21 e 22 de marzo estará presente na Feira do Lázaro e Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’.

Convenio entre a DO Monterrei e Expourense

A Denominación de Orixe figurará de maneira permanente no programa de actividades da edición 2015 de Xantar, a través de propostas diversas coas que a DO pretende ampliar a súa proxección entre o público profesional que asistirá ao encontro e o consumidor final.

Deste xeito, Monterrei será o viño oficial do restaurante de Costa Rica, país convidado este ano, e no que se prevé que se sirvan uns 600 menús.
A actividade continuará para Monterrei o xoves 5 ao estar a Confraría dos Viños de Monterrei convocada para asistir ao Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas. Nesta mesma xornada, participará no showcooking de gastronomía sustentable de Flavio Morganti e Gabi Conde, onde o catador Nacho Costoya maridará as propostas gastronómicas dos chefs con viños da Denominación de Orixe Monterrei; e estará representada no II Encontro de Bloggers Gastronómicos, participando na cea que se ofrecerá ao grupo no restaurante de Costa Rica.

Tamén o xoves, o presidente do Consello Regulador da DO Monterrei, Antonio Anxo Méndez, e o director xeral de Expourense, Alejandro Rubín, asinarán un convenio de colaboración para promover efectos sinérxicos mediante accións conxuntas.

O venres 6, novamente Nacho Costoya realizará un seminario dos viños de Monterrei, dirixido ao sector profesional. E finalmente o sábado 7, os viños de Monterrei participarán no showcooking de produtos do Mar e do Medio Rural de Galicia, no que os viños de Monterrei degustaranse en compañía das receitas de Emma Pinal con Mexillón de Galicia.