CCOO critica os discursos triunfalistas e electoralistas do PP e advirte da dramática situación dos miles de persoas que sofren o desemprego na provincia.

 

CCOO informa que en Ourense as listas do paro volveron medrar, incrementándose en febreiro con 115 parados máis, co que a situación do desemprego segue a ser “inaceptable e cada vez máis insostible nesta provincia”.
CCOO considera que este novo aumento do desemprego demostra que, tanto o Goberno do Estado como o da Xunta, “están moi lonxe da auténtica realidade e, cos seus discursos triunfalistas e electoralistas, pretenden agochar a verdadeira e dramática situación de miles de ourensáns”.

Así mesmo, advirte de que a situación segue agravándose para as persoas ao continuar diminuíndo a protección por desemprego (a taxa de cobertura das prestacións públicas reduciuse en 22 puntos dende o ano 2010) e, cos salarios conxelados ou rebaixados, no caso das persoas con emprego.

A uns días de que se celebre o Día da Muller Traballadora, Ana I. Barrios, secretaria xeral de CCOO, fai balance da situación laboral das ourensás. E descríbea como “especialmente dramática, pois afecta a todos os tramos de idade do emprego feminino”. Así mesmo, destaca cifras demoledoras, “a día de hoxe en Ourense hai 14.876 desempregadas (un 53%) e, dende 2008, perdéronse 10.100 empregos ocupados por mulleres (un 17%)”.

CCOO reitera que para saír da crise e garantir o estado de benestar, a protección e a igualdade pasa por rematar as políticas de austeridade, recuperando o poder adquisitivo dos salarios e das pensións e creando emprego de calidade, promovendo medidas para que o sector público impulse a recuperación económica, poñendo fin aos recortes e reforzando as ofertas públicas de emprego.