Tecnópole pon en marcha un programa de actividades para difundir a maior feira científica de Galicia en colexios de vilas das catro provincias.

Tecnópole celebra este ano o décimo aniversario da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia (que este ano se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro), cun amplo programa de actividades que deron comezo este 4 de marzo.

O espectáculo celebrado este 4 de marzo, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades ourensás, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz. Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez mostráronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se logran mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles por qué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.

Este espectáculo científico visitará de seguido doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, O Barco de Valdeorras e Verín na de Ourense.

Desde mediados do mes de abril ata final de curso organizaráse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames.

Ademais, aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira.

Dez anos promovendo as vocacións científicas

A Galiciencia naceu en 2006 e foi crecendo e evolucionando ata converterse no evento de divulgación científica de referencia en Galicia. En total, arredor de 500 proxectos pasaron polo evento ao longo da última década, algúns dos cales resultaron despois gañadores de certames estatais e internacionais, e foron visitados por preto de 10.000 persoas.
A estrela da feira é a exposición de proxectos de investigación e innovación presentada por equipos de estudantes acompañados polos seus profesores. Logo do éxito da experiencia piloto iniciada o ano pasado, que supuxo a participación por primeira vez de proxectos de Primaria, na próxima edición daráselle cabida a propostas de todos os niveis educativos ata Bacharelato e FP.

O protagonismo dos escolares foi gañando terreo en todos os aspectos da Galiciencia co paso dos anos. De novo, serán eles os que deseñen a camiseta oficial e os que elaboren o vídeo e a revista da feira.

O obxectivo principal da Galiciencia é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas de todas as idades con ideas innovadoras e con ganas de mostralas ao público nos stands que Parque Tecnolóxico de Galicia pon á súa disposición durante tres días en réxime de portas abertas. A posta en práctica do método científico, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades para expoñer os seus proxectos ao público son algunhas das aptitudes que os participantes melloran grazas a esta actividade.