Inauguración de Xantar

Este mércores arrincaron cinco xornadas en Expourense dedicadas á promoción da gastronomía de calidade.

A 16ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar abriu as súas portas este mércores en Expourense. Ata o domingo, o salón ofrecerá máis de 100 actividades tendo como eixo principal a promoción da gastronomía sostible e saudable.Tal e como comentou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na inauguración de Xantar, o feito de ser a única feira de turismo gastronómico de España posiciónaa como “unha ferramenta imprescindible para a internacionalización da gastronomía e do turismo galegos”.

Ata o domingo, os 12.000 metros cadrados do recinto feiral acollerán 140 expositores de dez países diferentes e 17 restaurantes, chegados de diferentes puntos de Galicia, Portugal, Castela e León e de Costa Rica, país convidado nesta edición. Ademais de contar con restaurante propio, o país centroamericano, que participa no salón baixo o patrocinio da auga X-Pinner, desenvolve na feira outras actividades.

Neste primeiro día, por exemplo, o chef Guillermo Castro impartiu un showcooking con maridaxe entre cociña tradicional costarricense e sidra galega, e o coordinador do Plan Nacional de Gastronomía deste país, Alejandro Madrigal, deu unha conferencia sobre gastronomía sostible e saudable. Dous conceptos que unen Costa Rica e Ourense, pois a nosa cidade é a única española integrada na rede Europea de Cidades Sostibles, URBACT, a través de “ComeOurense”, proxecto que centrou a conferencia inaugural do X Encontro Ibérico sobre Dieta e Turismo.

Aulas Gastronómicas
Xantar conta por primeira vez con dúas aulas gastronómicas simultáneas nas que prestixiosos chefs de Galicia, Portugal e Costa Rica están a facer exhibicións de cociña en directo. Na xornada deste mércores, o cociñeiro Héctor López (do Restaurante España de Lugo, un Sol Repsol) realizou un showcooking sobre “Os sabores do mar de Galicia”, que maridou con viños galegos, o chef Wilmer López presentou as posibilidades da froita na cociña cotiá, e houbo ademais unha cata comentada de Mel de Galicia.

Completou a programación desta primeira xornada unha mesa redonda na que expertos de Galicia, Costa Rica, e Holanda falaron sobre o papel da gastronomía sostible na restauración, e un acto de recoñecemento aos dous restaurantes galegos que se incorporan o firmamento de Estrelas Michelín (Restaurante Nova de Ourense) e de Soles Repsol (A Gabeira de Ferrol).

Actos deste xoves

Na segunda xornada de Xantar, continúa o Encontro Ibérico de Dieta e Saúde, presentarase a marca #saboresdeourense e do Concurso de Pinchos de Primavera, a celebración do concurso Xantar Gourmet, e terá lugar o XI Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas e o II Encontro de Bloggers Gastronómicos.

Showcookings, catas de viño comentadas e degustacións serán outros dos atractivos para profesionais e público en xeral que se achegue ata Expourense.