Promovido pola Deputación de Ourense, o evento reunirá entre o 23 e o 28 de marzo a expertos, emprendedores e empresarios do ámbito audiovisual, así como público en xeral.

A provincia de Ourense converterase no punto de encontro das industrias culturais e creativas de España coa celebración do “Ourenseiccweek”, un evento promovido pola Deputación de Ourense que reunirá entre os días 23 e 28 de marzo a emprendedores, empresarios e expertos do ámbito audiovisual e a público en xeral dentro da Semana das industrias culturais e creativas.

O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, festivais, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes “Paco Pazo” e en diferentes vilas da provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou este evento no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acompañado do asesor cultural, César Fernández, e do coordinador técnico do “Ourenseiccweek”, Juan Rivas. Baltar destacou que esta iniciativa “converterá a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas sintuándoa na vangarda do audiovisual durante a semana en que terá lugar este importante evento”.

Obxectivos
Os obxectivos deste proxecto son, por unha banda, presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais; e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais.

Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate sobre novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense; así como xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio.

Programa
O amplo programa de actividades que se vai desenvolver na semana do 23 ao 28 de marzo inclúe charlas, cursos e xornadas de traballo a cargo de expertos; o “ICCNET Party”, un punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores; unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas; networking a tarde noite do xoves; e concertos para todos os públicos no Paco Paz.

Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán “A industria da música e os seus axentes”, “O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual”, “O mundo da vídeo-creación”, “Vídeo-xogos e tendencias dixitais”, “Os novos retos do audio e a produción musical” e “O futuro do cine visto polos seus protagonistas”.

Nos concertos, que se celebrarán o sábado 28, no Pazo dos Deportes Paco Paz, actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.

As inscricións para participar nas diferentes actividades da “Ourenseiccweek” así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com.