O alcalde, Francisco García, máis o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela reuníronse, o pasado martes, coa dirección do colexio Padre Feijó de Allariz para trasladarlle a proposta de colaboración municipal para a implantación no colexio dos obxectivos do programa de separación de lixo e aproveitamento do mesmo.

 

A proposta comprende a implantación no colexio de varios composteiros no que os alumnos e alumnas depositen os desperdicios alimenticios (como por exemplo mondas de froita) e a construción dunha horta escolar, situada no novo centro de educación infantil.

“Os alumnos e alumnas poderán observar a evolución da materia orgánica, que unha vez degradada, pasará a formar parte da horta escolar” explicaba o alcalde.

A elaboración complementaria de unidades didácticas permitirán un aproveitamento educativo desta actividade.

A proposta tivo unha gran acollida polo equipo docente que participará de xeito activo na tarefa de educación, sensibilización e divulgación do programa de reciclaxe. Tamén foi trasladada á dirección da Escola Infantil que está a traballar para crear actividades apropiadas para os nenos e nenas de 2 a 3 anos.

A colaboración do Concello cos centros docentes en materia de reciclaxe “permite a experimentación educativa, cambiando hábitos e incidindo no ámbito familiar”.

O Concello de Allariz valora moi positivamente a implicación activa tanto do colexio como da Escola Infantil, na tarefa de sensibilización e divulgación.