O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou no Consello da Xunta a creación de dúas novas aceleradoras para pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica galegas en fase de consolidación, que se ubicarán nas provincias que non contaban con ningún ata o de agora, Lugo e Ourense.

 

“Interésanos seguir insistindo na innovación como fonte de creación de emprego e dun novo modelo económico despois da recesión”, explicou Feijóo.

Estas dúas aceleradoras buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, “por entender que nestas dúas provincias estes proxectos poden ter maior éxito”, segundo precisou o presidente. En Ourense, o espazo, denominados AgroBiotech, estará situados no Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello de San Cibrao das Viñas.

Entre as súas vantaxes, Feijóo resaltou que, ao compartiren as empresas o mesmo espazo, “facilitarán a transferencia do coñecemento e o acceso á información entre as empresas que traballan en rede” e que lles permitirán “incrementar a capacidade de captación de financiamento público non só galego e español, senón tamén europeo”.

Coa apertura das dúas AgroBiotech, as catro provincias galegas contarán xa con aceleradoras de empresas. “Queremos pechar o mapa das empresas innovadoras de Galicia”, concluíu Feijóo.