O delegado territorial da Xunta en Ourense participou no acto de clausura dos programas mixtos de formación e emprego “San Rosendo segue o camiño”, “Río Arnoia I” e “Terras de Celanova III”.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura e entrega de diplomas dos tres obradoiros de emprego postos en marcha o pasado agosto na comarca de Celanova. Nestas iniciativas, “San Rosendo segue o camiño”, “Río Arnoia I” e “Terras de Celanova III”, participaron un total de 62 desempregados procedentes dos concellos de A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. No acto, que se celebrou no claustro do mosteiro de Celanova, tamén estiveron presentes os rexedores dos concellos participantes nestes obradoiros.

Rogelio Martínez, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Desenvolvemento turístico
Os 20 alumnos do obradoiro “San Rosendo segue o camiño” deseñaron, durante os seis meses que durou o mesmo, un plan de dinamización e concienciación na sociedade dos concellos de Celanova, Bande e Verea –integrantes do proxecto- e crearon un equipo multidisciplinar para liderar o deseño deste plan para lograr implicar á iniciativa privada no desenvolvemento turístico dos tres concellos tomando como nexo o Camiño de San Rosendo.

No obradoiro organizado conxuntamente polos concellos de Cartelle, Ramirás e A Merca, “Río Arnoia I”, impartíronse módulos de albanelería, viverismo e xardinería. Contou con 21 alumnos que conservaron os xardíns municipais, puxeron en marcha viveiros para a produción de plantas ornamentais e de horta, e executaron a segunda fase da restauración da escola da Facha, en Ramirás.

Por último, os 21 alumnos participantes no obradoiro “Terras de Celanova III” recibiron formación en atención xeriátrica e asistencia doméstica, para de seguido poñer en práctica os seus coñecementos en domicilios dos oito concellos que integran este ente supramunicipal.