O evento terá lugar o mércores 18 de marzo no Salón de Actos do CIFP A Farixa a partir das 19:30 horas.

 

O fin de curso chega para os alumnos de segundo do ciclo superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa e con el a hora de facer visible os seus proxectos. Gran parte dese esforzo centráronno os microdocumentais que se estrearán nunha gala no propio centro: “Imos de Docus”.

Será o vindeiro mércores 18 de marzo cando un total de obras audiovisuais, elaboradas polos alumnos de dito ciclo, vexan a luz nese “Imos de Docus”, “unha gala aberta a todo o público en xeral” segundo apuntou esta mañá o seu director de produción, José Manuel Alvarez, durante a presentación do evento ante os medios de comunicación. Nesa rolda estivo acompañado polos productores e directores dos proxectos, os que coincidiron na “relevancia que ten facer visible a través desta estrea, o resultado das tarefas dun bo traballo de planificación e produción contando cos propios medios do centro de estudos”.

José Manuel Álvarez tamén revelou que a gala contará con algunha que outra sorpresa e convidados especiais como o actor ourensán Chechu Salgado, en calidade de presentador xunto co alumno Fabián Gómez. Eles serán os encargados de conducir unha gala na que a “reivindicación social e as paixóns e hobbies” serán as protagonistas a través dos microdocumentais: ““Fotografía, unha paixón”, “La otra cara del fútbol”, “Cara Xapón” e “Sobre Rodas”.

Ese afán reivindicativo e a ilusión dos alumnos por amosar o seu traballo lévaos a convidar ó público a achegarse ó evento para desfrutar, segundo Miriam Monelos, responsable de comunicación do proxecto, dun “xénero tan pouco coñecido como interesante”. Por ese motivo sinalou que a gala será “unha festa do audiovisual”. Para iso só será necesario solicitar un convite a través da web do propio centro (www.farixa.es), sendo posible reservar ata tres butacas.

Para finalizar, os alumnos quixeron mostrar o seu agradacemento ós patrocinadores que fixeron posible a materialización dos microdocumentais, entre os que se atopan algúns como Gadis, Autobuses Anpian, Hotel San Martín ou Bar Miguel.

Do mesmo xeito tamén agradeceron o apoio recibido por parte dos profesores e equipo directivo do centro, “que co seu labor e implicación conseguiron facer todos os procesos de produción moito máis doados”.