Sindicato CIG

Menos empresas, menos traballadores, peores condicións e maior pobreza. Esta é, a grandes trazos, a definición da situación laboral na provincia para o sindicato CIG.

O seu secretario xeral en Ourense, Etelvino Blanco, presentaba este luns un informe propio, elaborado a partir de datos da EPA, a Seguridade Social, o INE e a Axencia Tributaria, que reflexa unha “situación crítica na provincia que nos pode levar a un deserto difícil de saír del no futuro”.

A análise da CIG é especialmente crítica con dous factores: a caída de poboación en idade de traballar pola vía da emigración, e a perda de ingresos dos asalariados.

Así, entre 2008 e 2014 a provincia perdeu 14.615 habitantes de entre 16 e 35 anos. Os datos do mercado de traballo confirman esta tese: no mesmo período descendeu a poboación activa nun 23,7% (un total de 32.600 persoas) mentres que a poboación parada aumentou en 19.300 persoas e os inactivos en 1.200, “o que implica que parte do descenso da ocupación non foi ao paro, como tampouco pasou a poboación inactiva, a explicación está na emigración”.

O informe tamén reflexa un índice de pobreza alto na provincia, pois un 19% dos asalariados en 2013, un total de 19.174 persoas, tiveron uns ingresos inferiores a 1.890 euros brutos anuais, e outro 13% (12.764 persoas), cobraron ese ano entre 0,5 e 1 vez o Salario Mínimo Interprofesional, isto é, menos de 6.805 euros brutos anuais. “32.000 persoas con ingresos inferiores a sete mil euros, iso supón un 32% da poboación asalariada na provincia”, remarcaba o sindicalista. Para Blanco, este traballador non se pode denominar “ocupado”: “está mendigando por aí un salario e unhas horas”, e por iso, de contabilizarse entre os parados o desemprego ascendería en Ourense a un 32%. De incluir asemade os mozos que emigraron, a cifra de paro superaría o 40%.

O secretario xeral da CIG lamenta que as administracións non poñan en marcha medidas para ataxar esta situación, e critica en particular á Xunta por non ter en conta o plan de emprego do Concello de Ourense.

A CIG conmemorará este martes 10 de marzo o Día da Clase Obreira galega cunha manifestación a partir das 11:30 horas desde o edificio sindical ata o edificio administrativo da Xunta.