Curtametraxes do IES San Mamede de Maceda

Os rapaces e rapazas de 3º de ESO e FP Básica expuxeron as obras audiovisuais realizadas ao longo dos últimos meses no marco do programa “Corta coas desigualdades”.

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, celebrouse un acto conmemorativo na Casa do Concello de Maceda, no que participou o alumnado do IES San Mamede presentando os traballos realizados no programa “Corta coas desigualdades”, organizado dende o Centro de Información ás Mulleres co obxectivo de fomentar a reflexión acerca das desigualdades de xénero na adolescencia.

O Concello de Maceda puxo en marcha un programa de actividades destinadas á concienciación sobre a situación das mulleres na actualidade. O programa “Corta coas desigualdades” está organizado polo CIM en colaboración co Instituto, e dirixido á adolescencia na idade na que se comezan a asentar os roles de xénero.

Na tarde do luns 9, as mulleres de Maceda xogaron un partido de fútbol para reivindicar a importancia do deporte feminino.

Ademais deste acto, a partir do 10 de marzo porase en marcha o programa “Aloumiños: aulas de Crecemento en Igualdade”, que comprende 5 obradoiros dirixidos a mulleres, enfocados cara o crecemento persoal e o desenvolvemento de habilidades de autocoidado. Será os días 10, 17 e 24 de marzo e 7 e 10 de abril, de 17:00 a 20:00 horas no Salón de Plenos do Concello.

O venres, 13 de marzo ás 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello terá lugar o obradoiro “Envellecemento saudable en mulleres”, impartido pola Cruz Vermella de Maceda.

Por outra banda, poranse en marcha actividades específicas dirixidas ás nenas e nenos do programa “Mañanceiros” (medida municipal encamiñada a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral) coa colaboración da Cruz Vermella de Maceda.