O pleno aproba por unanimidade unha moción socialista a este respecto.

A corporación de Barbadás celebrou pleno ordinario este luns 9 de marzo, no que se formalizou a renuncia da edil socialista María Presas, quen alegou motivos persoais e anunciou a súa baixa como militante do PSdeG.

Na sesión, quedou aprobada por unanimidade unha moción do PSdeG para reclamar á Xunta de Galicia a construción dunha segunda escola infantil no municipio.

No debate da moción o rexedor cambiou a súa postura respecto a outras ocasións nas que se abordou o proxecto da segunda gardería municipal e anunciou que ía apoiar a iniciativa do PSdeG. A concelleria socialista Victoria Morenza acolleu o apoio con optimismo e tildou de coincidencia electoralista esta viraxe. Freire Couto afirmou que a infraestrutura podería ubicarse na zona de equipamento escolar da AR-10 da Valenzá, onde tamén está previsto que vaia o instituto.

O PSdeG aceptou unha emenda proposta polo BNG para modificar o segundo punto do acordo para que en lugar de habilitar unha ludoteca na Casa de Cultura se arbitren actividades que faciliten a conciliación en horas non lectivas.

Houbo tamén unanimidade na aprobación dunha proposta do PSdeG para mellorar a seguridade viaria e actuar sobre os espazos infantís no entorno da rúa da Paz e no Paseo dos Amieiros. Freire Couto asegurou que as propostas dos socialistas faranse se son factibles técnicamente.

Tamén houbo unanimidade na aprobación dunha proposta do grupo municipal do BNG na que se demandaba a creación dun centro de reparto de correos en Barbadás co fin de evitar o retraso nos repartos da correspondencia. Na mesma moción acordábase solicitar para Barbadás un código postal especifico.

O PP votou en contra dunha moción socialista que pedía a mellora na limpeza e alumeado público, así como habilitar pasos de peóns elevados na rúa Cotelma. Segundo o voceiro do PSdeG, Xosé Carlos Valcárcel, os soportais desta rúa convértense cando chove “nun mexódromo de cans”.

Denuncia dun empresario sobre enchufismo

No apartado de rogos e preguntas, o líder socialista pediu explicacións sobre a noticia aparecida nun medio de comunicación sobre a implicación dos tenentes de alcalde e alcaldesa, Manuel García e Consuelo Vispo, así coma do alcalde de Barbadás, José Manuel Freire, nun suposto caso de enchufismo. O denunciante, un empresario que foi nas listas do PP de número 8 en 2007, asegura que “o xeito de funcionar era chamar o día anterior ao exames de acceso ao tenente alcalde, Manuel García, entregando as respostas aos elixidos para aprobar”.

O rexedor popular asegurou que o que di a denuncia é falso, mentres que o tenente de alcalde dixo que “xamáis fixen unha chamada para tal fin”, negando que houbese conversas deste tipo.