A Plataforma cidadá de Ourense Non ao TTIP (Tratado Transatlántico de Libre Comercio) ofrecerá unha sesión informativa sobre este tratado o martes 10 de marzo, ás 20 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A charla informativa contará coa participación de Manuel Martín García, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública, Xosé L. Outes Ruso, catedrático de Economía e profesor xubilado da Universidade de Vigo, Ángel Dorrío, técnico ambiental e membro de Amigos da Terra. Será moderada por Carlos García Martell, membro da Plataforma cidadá Non ao TTIP.

A intención deste acto informativo é «por un pouco de luz e entendermos por que este proxecto politico transatlantico esta a despertar tanta oposición en Europa e tamén nos EEUU». Segundo a plataforma, a implantación do TTI, que están a negociar a Unión Europea e os Estados Unidos, supón «unha enorme ameaza para o noso futuro» pois o seu impacto no sistema económico, medioambiente e servizos públicos «resultaría enormemente prexudicial».