A Unión Deportiva Ourense xa logrou a súa máxima prioridade neste primeiro ano: o ascenso. Agora, con dous meses de Liga e pode que algunha semana máis de Copa, toca gozar na consecución de obxectivos que queden para a historia.

A próxima xornada a UD xoga no Couto contra o Barra de Miño. Agárdase unha boa entrada para celebrar na súa casa o ascenso. Ata Maside desprazáronse centos de afeccionados, pero espérase que no Couto o número increméntese para rendir homenaxe aos que lograron o ascenso.

Retos ata final de campaña
O primeiro dos propósitos será manter a imbatibilidade na competición ligueira. Sete xornadas son as que restan ata final de campaña para que os homes de Antonio Dacosta poidan emular a aquel CD Ourense que quedou imbatido na tempada 1967-1968 onde logrou pleno de vitorias ao vencer nos 30 encontros de Liga. A UD Ourense buscará no seu primeiro ano de historia imitar unha xesta igual. Dos sete partidos que restan para o remate o máis complicado pode ser o da penúltima xornada contra o Palmés. O outro equipo do perímetro urbano ourensán é o único conxunto que segue a estela dos ourensáns. Con 10 puntos menos (tamén un partido menos) é o equipo que máis problemas lle pode dar para lograr manter o pleno de vitorias. Tampouco hai que esquecer a equipos coma o Cenlle, Barra de Miño ou Sporting Carballiño con que se terán que enfrontar.

{gallery}stories/deportes/20150309_ascensoUDO{/gallery}

Con este reto logrado chegaría o de ser campións do grupo 13 da Rexional Preferente. De continuar coa súa marcha triunfal na competición, a UD podería proclamarse campioa na antepenúltima xornada (xogaría contra o Parada do Sil) sempre e cando non pinchen, anteriormente, o Palmés nin a propia UD.

Copa
O seguinte reto, quizáis o máis complicado, será o de lograr o título de campión da Copa Deputación B. Obxectivo máis complexo xa que no bombo están equipos dunha categoría superior.
En cuartos de final o rival dos unionistas será o Caldelao. Equipo do grupo noveno da Segunda Rexional que ocupa a décimo sexta posición con 19 puntos. O encontro terá lugar o 20 de marzo.
Rival, a priori, batible para na seguinte rolda -semifinais- enfrontarse ao vencedor da eliminatoria Santa Cruz de Arrabaldo – A Peroxa. A eliminatoria de cuartos é a partido único e xogarase no estadio do Couto, mentres que as semifinais xa será a dous partidos. Estes encontros disputaranse durante a Semana Santa.

Curso con nota
Pase o que pase de aquí a final de tempada a UD Ourense xa superou con nota o seu primeiro curso; non só por acadar o ascenso, senón tamén, por unha masa social que supera os 1.000 afeccionados. Isto fai que este proxecto tiña todo o sentido que algúns, no verán pasado, llo negaban.
Depende dos xogadores de acadar a matrícula de honra neste primeiro ano. Para elo terán que lograr a Copa Deputación B, o título ligueiro e a imbatibilidade na competición doméstica.
Desafíos, todos eles, moi bonitos para un equipo que acaba de nacer e que aínda lle quedan moitas páxinas en ouro por escribir.