Virxilio Rodríguez e Salustiano Mato

O Consello de Campus votará sobre a implantación destes estudos o vindeiro luns en reunión extraordinaria.

 

A Universidade de Vigo propuxo este martes no Consello de Campus a implantación de Enxeñaría Aerospacial en Ourense. Unha proposta na que o reitor, Salustiano Mato, leva traballando desde que no verán o Consello Galego de Universidades dixera non ao grao de Enxeñaría Física.

O Consello de Campus voltará reunirse o próximo luns en xuntanza extraordinaria para pronunicarse sobre a implantación deste grao. En caso de darlle o visto bo, o reitor elevaría a proposta deste grao ao Consello de Goberno. De pasar este trámite, formaríase unha xunta de titulación interina con participación de todo o sector académico relacionado como as Facultades de Ciencias e Informática de Ourense, as Escolas de Enxeñaría Industrial, de Minas e de Telecomunicacións de Vigo. Consultaríase asemade a opinión do Colexio de Enxeñeiros Aeronáuticos e das empresas do sector.

Despois, unha comisión sería a encargada de elaborar en dous meses o plan de estudo e de viabilidade económica e académica, que se presentaría de novo en Consello de Goberno, onde se establecería un período de exposición pública interno onde se recollan as puntualizacións dos distintos centros. No seus últimos pasos volvería a este órgano de goberno para a súa aprobación definitiva antes de presentarse á Xunta no Consello Galego de Universidades que se celebrará no verán. Seguidos todos estes pasos, esta nova titulación podería estar lista para comezar no curso 2016/2017.

Un comezo que sería factible pois, explicou o reitor, “cos espazos que temos actuais e que podemos crear de forma rápìda podemos operar sen edificio novo”.

Conveniencia desta titulación
Mato entende que uns estudos deste tipo completarían a oferta do campus ourensán, buscando o “equilibrio territorial”, tendo un carácter “dinamizador” e sendo unha oferta “única” no sistema universitario galego.

Actualmente a Enxeñaría Aeroespacial pode estudarse en 10 centros en toda España, ningún deles en Galicia. Na nosa comunidade, as empresas do sector da aeronáutica están fundamentalmente ubicadas en Ourense. “É bo para Galicia que (Enxeñaría Aeroespacial) estea en Ourense, é bo para o sector e para que se xere tecido produtivo”, reseñaba o reitor. O aeroespacial é un sector cun incremento do 300% no período 2008-2016, que ten aínda un “gap de crecemento” na facturación en España.