Rogelio Martínez e José Selas

Na actualidade, preto de 1.720 persoas con dependencia benefícianse deste servizo na provincia ourensá. Con esta ampliación, poderán ser atendidas 450 persoas máis.

A Consellería de Traballo e Benestar vén de incrementar en 6 millóns de euros en toda Galicia o orzamento de 2015 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, ata chegar aos 46,3 millóns. Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego polos servizos profesionais de proximidade no domicilio.

Este aumento beneficiará tamén aos concellos da provincia de Ourense que verán incrementadas as horas de SAF nun 25,9 por cento, é dicir, en máis de 14.374 horas ao mes. Esta actuación permitirá atender a 450 persoas máis.

Na actualidade, máis de 1.700 persoas con dependencia benefícianse deste servizo nos concellos da provincia ourensá. Na cidade das Burgas, que conta nestes momentos con 120 usuarios, o aumento de horas é do 25,4 por cento.

Na provincia de Ourense, o incremento de horas, terá lugar no 87% das localidades que a conforman.

Melloras na xestión
O Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras. Por iso, o Goberno galego desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos.

O reparto de horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Consellería é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.