Dende que se presentou o proxecto da reforma e conversión do Castelo de Monterrei en parador turístico, o BNG salienta que foi a primeira forza política en denunciar e rexeitar «a destrución de tan emblemático monumento».

En 2009, o BNG de Monterrei ideara un plan director para converter o Castelo de Monterrei nun espazo de exposicións e promoción das augas, viños e moda da nosa comarca, que levaría a transformación da zona nun punto cultural estratéxico para a dinamización da comarca enteira. A formación nacionalista remarca que conseguiron que o Castelo pasara a ser titularidade da Xunta de Galicia mediante unha cesión do estado, para así facilitar a sua transformación e levar acabo o Plan Director. «Desgraciadamente o Partido Popular, trala súa chegada a o goberno e co apoio tamén do PP de Verín e Monterrei, pola contra, decidiron converter o noso símbolo nun Parador», sinalan.

Dende a presentación do proxecto como Parador, o BNG, veciños e plataforma en defensa do castelo, loitaron conxuntamente para evitar a «barbarie arqueolóxica» que o PP propuña. Pasado o tempo, varias institucións e persoaxes publicos, fóronse sumando ao rexeitamento da construción do Parador, e a Audiencia Nacional admitiu a trámite a petición de nulidade da ampliación de usos acordada polo Goberno central.

Apuntan desde o Bloque que Paradores tivo unha perda do 21 % no último exercicio, que é o mesmo que 19,7 millóns de euros. Seis de cada dez establecementos da rede de paradores cerraron o exercicio con perdas.  Para reducir estas perdas, afirman no BNG que Paradores aposta por establecementos franquiciados. «Isto significa que a Xunta fai un desembolso económico importante para reformar o Castelo, convertelo en hotel e despois a explotación e percepción de beneficios e propiedade recae en paradores incrementado de esta forma o seu valor de marca», valoran os nacionalistas.

Por todos estes motivos, dende o BNG de Monterre anuncian que seguián adiante coa loita ata conseguir que o plan Director previsto para o Castelo sexa levado a cabo.