O domingo a Unión Deportiva Ourense xoga o primeiro partido no Couto (17 horas contra o Barra de Miño) trala consecución do ascenso. Por elo, agárdase unha boa entrada para festexar o obxectivo marcado en vermello no momento da creación do club.

Os prolegómenos do encontro contra o Barra de Miño servirán para homenaxear a xogadores e afeccionados; uns por facer posible este éxito deportivo a falta de sete xornadas, e outros polo seu apoio constante ao longo da tempada.

Antes de que comece a rodar o esférico, os xogadores da base farán un corredor aos xogadores do ascenso. Tamén o grupo Queixumes dos pinos tocarán o himno de Galicia e para rematar, Roberto Dacosta recibirá, ante a súa afección, o trofeo como mellor xogador do mes de febreiro.
O conxunto benxamín será nesta ocasión o encargado de estar durante o encontro no palco presidencial.

Tralo partido todos os socios e abonados poderán gozar de churrasco e polbo á feira con descontos, o mesmo que a bebida. O Centro Comercial Aberto O Couto entregará á UD dous vales de 50 euros para que se sortee ao decanso do encontro. Os vales serán válidos para ese mesmo día no que a asociación terá un outlet nas inmediacións do estadio do Couto.

Barra de Miño
O rival está inmerso na loita polo ascenso. Actualemente está en postos de ascenso, na terceira posición. O Barra de Miño ten dous puntos máis que o cuarto clasificado, o Sporting Carballiño e tres máis que o quinto, o Cenlle. Ascenden os tres primeiros clasificados. O segundo, Palmés, leva 10 máis que o Barra de Miño.