O filme francés “Deixade de quererme” dá inicio a esta actividade este sábado, con entrada gratuíta e incluída no programa municipal “OciOurense”.

 

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense, coa colaboración do Cine Clube Padre Feijóo iniciará este sábado 14 de marzo a actividade “Sábados de Cine”, un ciclo que prevé a proxección dun total de 6 películas, que terá lugar cada 15 días na biblioteca pública de Ourense, na rúa Concello, sempre ás 18:00 horas, con entrada gratuíta.

O ciclo comeza coa proxección da película francesa “Deixade de quererme”, dirixida en 2008 por Joan Becker. «Brutos, feos e malos», «Come, dorme e morre», «Mundo pequeno», «Crazy» e «Un dos nosos» son o resto de títulos que compoñen esta actividade.

O ciclo de cine forma parte de «OciOurense», o programa de actividades saudables para o tempo de lecer da mocidade ourensá durante as fins de semana que desenvolve o Concello coa colaboración do Ministerio de Sanidade. Inclúe nesta edición un total de 18 propostas, ofertando a mozos e mozas de 14 a 30 anos a oportunidade de participar en BTT, Piragüismo, Escalada, Parkour, Buceo, A bailar, A cociñar, Foto en ruta, Sábados de cine, Camiñar na noite, Xogos de sempre, Globoflexia, Cócteles sen alcohol, Maxia para ligar, Concurso de cócteles, Rol en vivo, Andaina e Caza foto.

Para asistir ás proxeccións de «Sábados de cine» non é precisa inscrición previa nin pagar entrada.