Será o sábado 21 de marzo coincidindo co Día Internacional da Poesía.

A II Edición do roteiro “Ponme un poema! – Roteiro poético pola Vila de Allariz” xa está acá . Allariz celebra o Día Internacional da Poesía, o 21 de marzo, cun recital poético polas rúas da vila, que este ano estará centrado na poesía erótica, grazas á  participación dos poetas Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán, gañadores -entre outros premios- da última edición do prestixioso Certame de Poesía Erótica Sisargas coa obra conxunta titulada -na participación no certame- “O Episodio”, e cuxa publicación verá a luz ao longo deste ano.

Igual que na primeira edición, os poetas ofrecerannos un recital poético dividido en pequenas paradas nos locais colaboradores (A Despensa do Alarico, Petiscos, Amares e Fina Rei), que nos ofrecerán unha combinación de tapa e bebida (por 2,50 euros en total)elaborada arredor da súa propia interpretación gastronómica do concepto de Erotismo, e que poderedes degustar se vos apetece.

Ao rematar o roteiro, Silvia Penas e Jesús Andrés ofrecerannos o seu espectáculo poético-musical “Cinta adhesiva”, nos xardíns da Fundación Vicente Risco. Tanto o roteiro coma o espectáculo son totalmente abertos a todo o público e de balde.