Beatriz Mato

A Consellería de Traballo e Benestar investirá nos concellos de Ourense 1,5 millóns de euros, o que permitirá que un total de 58 localidades poidan contratar a máis de 200 perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA).

 

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentou en Ourense as características desta actuación, destacando que este orzamento permite que a totalidade dos concellos galegos que solicitaron esta axuda e que cumpran cos requisitos marcados na orde recibirán a subvención. En toda Galicia, os concellos beneficiados serán preto de 210, o que permitirá a contratación dun millar de persoas.

Mato resaltou que unha das provincias máis beneficiadas desta liña de axudas é a de Ourense, xa que os concellos beneficiados aumentan en 32 en comparación co ano pasado e o orzamento e o número de contratos en case un cen por cento con respecto a 2014. Na cidade de Ourense, os beneficiarios serán 20 perceptores da RISGA para o que Traballo destinará preto de 141.000 euros.

Dado os resultados positivos do ano pasado-cando se beneficiaron destas axudas máis de 600 traballadores e traballadoras en risco de exclusión social e 120 concellos de toda Galicia e unha mancomunidade-, este exercicio, segundo explicou a titular de Traballo, introducíronse novidades co fin de chegar ao máximo de persoas posibles. Por iso ampliouse o orzamento e abriuse o abano de beneficiarios, ao eliminar o requisito de ter unha antigüidade de 6 meses como perceptor da RISGA.

A conselleira sinalou, así mesmo, que o obxectivo desta actuación é “seguir dando pasos en firme cara unha inclusión activa”, e, ao mesmo tempo, “loitar contra a cronificación das situacións de risco”. Neste senso, subliñou que este programa permite aos seus beneficiarios acceder a un posto de traballo, cun contrato de sete meses de duración e, polo tanto, adquirir unha experiencia profesional.

Os beneficiarios serán contratados polos concellos, deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e seguirán tendo preferencia aquelas persoas que estean comprometidas coa realización dun itinerario sociolaboral, así como aos que contan con cargas familiares. Ademais, a maioría dos contratos realizaranse polo 75% da xornada laboral –a orde recolle entre un 50 e un 75%-, para que os beneficiarios disfruten da xornada máxima permitida. Todos os contratos deberán estar vinculados á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, que serán decididos polos propios concellos. A Consellería, ao igual que o ano pasado, volverá sufragar o total dos custes salariais dos traballadores, incluída a cotización á Seguridade Social.