A convocatoria de participación está aberta a todos os establecementos hosteleiros da cidade que ofrezan habitualmente pinchos aos seus clientes, que terán ata o 1 de abril para formalizar a súa inscrición na propia Concellería de Turismo.

As bases reguladoras dunha nova edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos Primavera 2015 xa son públicas logo de ser aprobadas na Xunta de Goberno do Concello de Ourense. O certame de primavera, que xa vai pola súa terceira edición, celebrarase do 24 de abril ao 10 de maio e está organizado pola Concellería de Turismo e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO).

Este ano, os locais participantes competirán por obter algún dos tres premios do xurado profesional, tres premios do público e o premio da prensa. Os pinchos, que terán un prezo máximo de 2,50 euros, deberán incorporar como un dos ingredientes algunha das materias primas locais, frescas e de tempada, de produción integrada ou ecolóxica, mercadas na cidade de Ourense.

Os establecementos premiados e finalistas poderán optar a participar nas campañas e eventos de promoción gastronómica que organicen durante todo o ano a Concellería de Turismo e a UHO baixo a marca #saboresdeourense, como a que se desenvolveu con éxito na última edición do Salón Gastronómico Internacional Xantar.