A deputada do BNG Olaia Fernández Dávila presentara dúas preguntas ao Goberno para coñecer a situación na que se atopa a solicitude realizada en decembro polo propio Concello de Ourense.

O Goberno vén de respostar á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que “non pode prever neste momento se será aprobada ou non a solicitude” presentada polo Concello de Ourense de rehabilitación da Praza de Abastos con cargo ao 1,5% Cultural.

A deputada do BNG dirixíase ao Goberno en dúas preguntas parlamentares para saber en que situación se atopa a solicitude realizada polo Concello, pero na súa resposta o Goberno “non se compromete a nada e limítase a sinalar que debe seguir un proceso”, explican a nacionalista.

Así mesmo, sinala que “con data do 10 de decembro entrou no Ministerio de Fomento unha solicitude presentada polo consistorio ourensán do expediente titulado “Reforma e Rehabilitación da Praza de Abastos nº1”. E engade que “dado que se trata dun procedemento de concorrrencia competitiva suxeito aos principios de transparencia e publicidade, calquer solicitude presentada será avaliada dacordo cos criterios estabelecidos nas Bases Reguladoras, non puidendo preverse neste momento, se será aprobada ou non esta solicitude”.

A deputada do BNG lembra que esta Praza de Abastos “é unha das poucas prazas que quedan por mellorar no estado español a pesar de que é un edificio que foi declarado Ben de Interese Xeral”.  Asemade, resalta Davila, que Ourense “nunca foi perceptora de investimentos procedentes do 1,5% Cultural para levar a cabo rehabilitacións do seu patrimonio histórico”.