Grupos universitarios de Galicia compartirán escenario con outros do resto da Península e con compañías profesionais procedentes de países como Cabo Verde, Brasil, Portugal, Irán, Bélxica, Honduras, Estados Unidos e Italia.

 

Do 16 ao 30 de abril chega a vixésima edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), coa participación de preto de 30 grupos universitarios e compañías profesionais de Galicia, Portugal, Castela-A Mancha, Castela León, Andalucía, Madrid, Portugal, Navarra, Cantabria, Brasil, Cabo Verde, Bélxica, Irán, Estados Unidos, Italia e Honduras.

O cartel da MITEU, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, inclúe máis de 30 espectáculos de teatro, danza e circo, que se acompañarán con concertos, documentais, unha exposición, un obradoiro e clases maxistrais, para converter a cidade “nun espazo de encontro de actores, directores, guionistas e público”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta mañá durante a rolda de prensa de presentación que tivo lugar en Ourense na véspera do Día Internacional do Teatro.

Intercambio artístico e cultural
Nun acto no que tamén participaron o director da mostra, Fernando Dacosta; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e a concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido; o secretario xeral referiuse á necesidade dos estudantes e das persoas en formación escénica de contar con “espazos de encontro para o intercambio artístico e humano, que lles permitan compartir co público o seu traballo”. Nese sentido, destacou o interese da mostra para dar a coñecer as propostas artísticas galegas dos grupos de teatro universitario, en diálogo con grupos de diversas procedencias e de compañías profesionais galegas e internacionais.