Na xornada de clausura, Os Perqtores de Seixalbo recibirán un premio pola colaboración con esta mostra de teatro durante anos.

O 16 de abril, a aula de teatro universitario de Ourense Rosaura será a encargada de abrir a programación da vixésima edicióna da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) coa estrea da obra ‘Donos do tempo’, nunha xornada que tamén contará coas actuacións da aula de teatro ourensá Cordelia e da compañía andaluza Zen del Sur, para rematar co concerto do grupo galego Raindogs. O venres 17 será a quenda do grupo universitario de Castela-A Mancha Malaestirpe e da compañía belga Okidok.

O sábado 18 comezará co espectáculo da aula de teatro de Santiago, que ofrecerá unha adaptación libre do musical de Broadway, coa colaboración da Orquestra de Cámara da USC. A xornada rematará co V Encontro de Danza Interuniversitaria, no que participarán as compañías das universidades da Coruña e de Santiago, Miriam Centro de Danza, de Ourense, e Tics Espazo de Danza.

O día19, a aula de teatro infantil Geppetto de Ourense fará gozar aos cativos coa obra ‘As aventuras de Polgariña’. A continuación, Teatro El Mayal, da Universidade de León, representará a obra ‘Hotel Las Vegas’.

Á semana seguinte comezará cos espectáculos ‘Degüello’, o luns 20 de abril, e ‘Cartas de las golondrinas’, o martes 21, que porán en escena a aula de teatro universitario de Huelva e a compañía Escena Miriñaque, de Cantabria, respectivamente. A programación teatral galega e lusófona será a protagonista o mércores 22, co espectáculo ‘Pangeia’, de Limiar Teatro e Acaso Danza, e mais coa obra ‘Pessoa… Pessoa…’, da compañía Somá Cambá de Cabo Verde.

Estrea de Leo Bassi
A obra ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’, da compañía galega Ibuprofeno Teatro, abrirá o día 23, que tamén contará co concerto do grupo Igmig e coa estrea en Galicia de ‘La gran misa patólica’, unha obra que representa un fito na carreira teatral de Leo Bassi, quen adapta para a escena unha “misa” bufonesca da Igrexa Patólica.

Ademais, o actor será o encargado de ofrecer unha clase maxistral, o xoves 24. Ese día tamén actuarán o grupo de teatro universitario de Belas Artes da Complutense e a compañía Asta Teatro de Portugal. Xa na fin de semana, a MITEU ofrecerá os espectáculos ‘A casa do vestido castanho’, de Teatr’Ubi, e ‘Shakespeare, Love, 2001’, da compañía de Irán Sokoot.

Corifeo Teatro da Coruña afondarán na espera e na desesperación co seu espectáculo ‘Salas de espera’, o luns 27. Ese mesmo día tamén actuarán a aula de teatro universitario da Coruña Normal, coa obra ‘Augusta’, e a compañía de teatro da USC do campus de Lugo, que interpretará ‘Lear. Da nada sae a nada’.

O martes 28 de abril será a quenda do grupo de teatro universitario de Navarra, coa obra ‘Besos’. Ao día seguinte, proxectarase ‘Access to the danger zone’, un documental dirixido por Eddie Gregoor e Peter Casaer que ofrece unha mirada desgarradora aos desafíos da entrega e da axuda humanitaria nos conflitos armados.

Pechará a programación do mércores o espectáculo ‘De cómo moría y resucitaba Lázaro’, da Asociación Teatro Taller Tegucigalpa, de Honduras.

O auditorio, o teatro principal, o campus, así como diversas rúas e locais de Ourense serán os escenarios desta nova edición da MITEU, que tamén incluirá coloquios, a exposición ‘Dende o sur (Honduras)’, de Manu Bravo, do 16 ao 30 de abril no Teatro Principal, e un obradoiro de teatro do grupo Sokoot Theatre Group de Irán, o día 24 de abril.

Premio da MITEU a Perqtores de Seixalbo
Na xornada de clausura, o 30 de abril, ademais da entrega de premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz, así como á mellor resolución técnica Suso Díaz, a organización da MITEU outorgaralle o premio da súa vixésima edición aos Perqtores de Seixalbo, por súa implicación e colaboración coa mostra desde hai anos. Finalmente, a mostra rematará co espectáculo ‘III’, da aula de teatro ourensá Maricastaña, e coa representación da obra ‘The Gagfather’, do grupo madrileño Yllana.