A actuación, para a cal a Consellería de Economía e Industria reserva preto de 60.000 euros, céntrase na substitución do pavimento interior da planta de carnizaría e peixaría e na instalación dun novo ascensor.

 

O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace á sinatura do convenio de colaboración do Goberno galego co Concello de Ourense para desenvolver as obras de mellora da praza de abastos municipal.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, reserva para a realización dos traballos preto do 60% dos case 100.000 euros do custo do proxecto, dentro da súa estratexia de apoio ao comercio de proximidade e o impulso das prazas de abastos como elemento dinamizador das vilas e cidades galegas. Neste sentido, as actuacións que se desenvolverán permitirán substituír o pavimento interior da planta de carnicería e peixaría e a instalación dun novo ascensor, co obxectivo de reforzar o papel da praza como motor comercial de Ourense. A actuación quedara posposta a finais do ano pasado.

A Xunta segue así a colaborar co desenvolvemento do comercio local en Ourense como un dos eixes vertebradores da súa actividade económica. Así, o investimento previsto na praza súmase aos máis de tres millóns de euros que o Goberno galego leva destinados ao impulso do comercio de proximidade ourensán desde o ano 2009.