O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, deron a coñecer o material distribuído na provincia de Ourense que supón un investimento de mais de 1,3 millóns de euros.

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, destinará máis de 1.316.000 euros a renovar o equipamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil dependentes dos concellos da provincia de Ourense para a súa utilización en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias.

Así o anunciaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, nunha rolda de prensa ofrecida para dar conta deste investimento, que en toda Galicia superará os 4,5 millóns de euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento (FEDER).

En total, 154 concellos de Galicia recibirán algún tipo de material que se distribúe da seguinte maneira: 42 vehículos todo terreo tipo pick-up, 41 vehículos furgóns para transporte e loxística, 40 remolques para a atención ás emerxencias, 16 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, 33 esparexedores de sal, e 20 remolques con carpa presurizadas para Posto de Mando Avanzado. Polo que se refire á provincia de Ourense, máis de 40 concellos ourensáns presentaron solicitudes para optar a este equipamento.

O director xeral de Emerxencias e Interior subliñou a importancia que teñen os voluntarios de protección civil na Comunidade Autónoma. “As características orográficas e a distribución poboacional de Galicia fai que as agrupacións destes voluntarios teñan un papel destacado na atención das emerxencias, en funcións de primeira atención e apoio á labor que desempeñan os corpos profesionais de emerxencias”, indicou Luis Menor.

Novo material para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais
Ademais da adquisición de material para as agrupacións de Protección Civil, o departamento autonómico tamén levou a cabo a compra de novo equipamento para os Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) creados hai dous anos. Trátase de 31 detectores de gases tóxicos e atmosferas explosivas que poidan xerarse no transcurso dunha emerxencia. Á provincia de Ourense correspondéronlle 9 detectores e o director xeral de Emerxencias e Interior xa fixo a súa entrega aos responsables dos 8 GES que existen na provincia e da Mancomunidade Terras de Celanova, que tamén actúa como grupo de emerxencia.