Así mesmo, aprobou a declaración de interese xeral dunha iniciativa da Federación Miño sobre limpeza viaria nos núcleos rurais.

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa xuntanza deste 27 de marzo a adhesión do Concello de Ourense á Asociación de cemiterios significativos de Europa. O ditame recibiu os votos favorables dos grupos municipais de PSdeG-PSOE e BNG, e as abstencións de PP e DO. O asunto será incluÍdo na orde do día do Pleno do Concello do vindeiro mes de abril.

Coa incorporación á rede europea, o Concello de Ourense pretende poñer en valor o cemiterio de San Francisco, declarado ben de interese cultural polo seu extraordinario valor patrimonial e artístico, onde xacen enterrados persoaxes senlleiros da historia de Ourense. A incorporación á rede permitirá incluír San Francisco nunha ruta internacional de cemiterios significativos de Europa, xunto a camposantos de cidades como Florencia, Londres, Madrid, Bucarest, Atenas, Roma, entre outros, como plataforma de promoción do cemiterio ourensán.

Limpeza viaria no rural
Na mesma sesión, a Comisión de Pleno tamén ditaminou favorablemente propoñer ao Pleno declarar de interese xeral unha iniciativa presentada pola Agrupación de Asociacións de Veciños Miño sobre limpeza viaria no rural, na que propón: “solicitar ao Pleno do Concello que realice todas as accións necesarias para esixir á empresa concesionaria de limpeza o cumplimento íntegro do contrato, en especial o tocante á limpeza viaria nos núcleos do rural e, de non ser así, proceder á rescisión do contrato”. Neste caso, o ditame foi aprobado cos votos a favor dos grupos de PSdeG-PSOE, PP e BNG e voto en contra de DO.

En caso de ser aprobado en Pleno, a federación, a través do seu representante, poderá intervir no mesmo e presentar a súa iniciativa.

Sería, neste caso, a primeira vez que un colectivo veciñal interveña nun Pleno do Concello por esta vía.