Van dirixidas a nenos de entre 4 e 10 anos, e desenrolaranse os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril.

 

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza actividades de animación á lectura para escolares durante as vacacións de Semana Santa 2015. Dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e 10 anos, desenvolveranse nas tres bibliotecas municipais: A Carballeira, A Ponte e San Francisco. Serán os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril de 11 a 13 horas.

Co título “Contos entre folerpas”, a actividade ten como obxectivo traballar dunha maneira lúdica a variedade de libros e contos que cada biblioteca ten, desenvolver o hábito lector nos cativos, sendo a lectura elixida libremente, como una actividade de ocio. O obxectivo e que nestes días de lecer, calquera texto se converta nalgo vivo para a nena ou o neno, a través do espírito lúdico.

As sesións están estruturadas en 3 fases: tempo libre (xogos de mesa, xoguetes, libros, puzzle, etc.); asemblea, na que os asistentes comentan en voz alta aquelo que queren compartir cos demais (inquietudes, sucesos, anécdotas, etc); e animación a lectura (lectura en voz alta do conto ensinando as ilustracións, pequenas-historias, maquetas-conto, teatro e marionetas, conta-contos, manualidades relacionadas co tema a tratar e xogos de lecer).

No programa de “Animación a Lectura” prográmanse as sesións de maneira que os nenos descubran por si mesmos o potencial que teñen de imaxinación, creatividade e fantasía. Propóñense actividades de inventar contos, xogar coas palabras, crear poesías, adquirir destrezas, ler en voz alta para familiarizarse coas lendas, dramatización das historias a través de monicreques ou de pequenas obras de teatro. Na parte máis lúdica de xogos organizados potenciaranse os valores de sociabilidade e respecto cara aos demais membros.