Fumigación ao carón do Barbaña

O BNG denunciou na xunta de área de Medio Ambiente deste xoves que varios parques estaban sendo fumigados con herbicidas. O Concello respostou o venres explicando que o herbicida que se emprega é un produto non tóxico que se utiliza para eliminar a pradeira existente antes de replantar o céspede.

Na xunta de área, e sempre segundo o BNG, a responsable da Concellería «manifestou non saber nada do tema e dixo que non eran traballadores do Concello en tal caso serían operarios de Cespa, a empresa concesionaria do mantemento e conservación das zonas verdes da cidade».

Para a voceira nacionalista, Susana García, o Goberno local debe parar de xeito inmediato «este método agresivo» e advertir á veciñanza que manteñan as debidas precaucións. «Está demostrado que os herbicidas, incluso os permitidos pola lexislación, xeran prexuizos na saúde das persoas e os animais así como no medioambiente polo que as autoridades municipais deben impedir que a empresa contratada para manter as zonas verdes empregue estes métodos».

Resposta da Concellería de Medio Ambiente

A resposta municipal non tardou en chegar, en forma de nota de prensa na que a Concellería de Medio Ambiente informaba da renovación das pradeiras de 18 zonas verdes da cidade. Os traballos teñen como finalidade acadar o mellor estado destas zonas, renovando a cuberta de céspede naquelas zonas nas que o estado de deterioro o fai necesario. «Estes traballos, son práctica habitual da xardinería nas cidades, e non supoñen ningún tipo de risco para a saúde. As executa CESPA, empresa concesionaria do servizo de mantemento das zonas verdes da cidade, como unha obriga contractual do contrato asinado co Concello», sinala o comunicado.

Antes de botar novo céspede, procedeuse á eliminación total da pradeira existente por medio da aplicación dun herbicida específico. «Un produto non tóxico, rexistrado polo Ministerio e autorizado para o uso en zonas verdes e xardíns, que se aplicou de forma controlada e en doses reducidas, e sempre por debaixo das recomendadas nestes procedementos. Motivo este polo que non supón ningún tipo de perigo para a saúde», sinalan desde o Concello.

O Concello elixiu para a renovación do céspede unha mezcla de sementes especificas cunha alta presenza da variedade “festuca”, que mellora a calidade da pradeira xa que son máis resistentes a enfermedades e ás altas temperaturas e menores requerimientos hídricos. Isto favorecerá o aforro de auga e a redución de tratamentos fitosanitarios, o que suporá un beneficio visual e medio ambiental a medio e longo prazo.

A renovación de céspede realízase no Parque Barbaña, Parque Multiaventura, Portocarreiro, Francisco Asorey, Silvio Fernández, Parque Maimón, Vistahermosa-Baixo Autovía, Peña Trevinca, José Cornide, Parque dos Ponxos, Cruceiro Quebrado, Rodríguez de la Pasera, Cambedo da Raia, Glorieta Paco Paz, isleta Benvidos Ourense, Covadonga zona vella e Área 4.