A vila alaricana gana por goleada á capital ourensá: máis de 6.500 persoas pasaron pola súa oficina de turismo, fronte ás 906 que recibiu a de Ourense.

A Semana Santa 2015 péchase con datos positivos para o turismo en Ourense e en Allariz. Os dous municipios presumen de cifras de visitantes durante estes días, pero é a pequena vila alaricana a que gaña nos datos: 6.543 visitantes pasaron pola oficina de información turística atraídos pola marca «Allariz» mentres que foron 906 as que consultaron na oficina municipal da capital ourensá. Con todo, desde o Concello de Ourense destacaban que esta cifras ratificaban a nosa cidade «como foco de atención turística», sinalando que para o 83% dos que ata alí se achegaron era a súa primeira visita á cidade.

Balance en Allariz

Para os responsables da Concellería de Turismo de Allariz, a cifra de visitantes nesta Semana Santa mellorou a de anos anteriores, sendo “soamente comparable a datas estivais ou a Festa do Boi”. A maioría deles procedían da comunidade galega e de provincias do centro e norte do estado, aínda que cabe resaltar a presenza de veciños portugueses.

A programación da “Semana Santa ao Vivo” viuse reforzada este ano con máis actividade: música na rúa, actividades infantís e a celebración dos mercados de artesanía no Patio do Museo do Coiro e o de produtos da Reserva da Biosfera na praza de Abastos, que ampliou o seu horario para atender a forte demanda. Todas estas iniciativa foron un reclamo para os visitantes durante estes días festivos. Ademais a rede museística (Museo do Coiro, Museo Galego do Xoguete e Museo da Moda de Allariz) continúa a ser un dos principais atractivos, e así o reflicte os datos da venda de entradas que superaron o milleiro.

A gastronomía e a restauración, así como a oferta comercial, centrada nas tendas outlet e nas tendas delicatesen e de artesanía, son tamén reclamos importantes que atraen visitantes a Allariz nestas datas, nas que se rexistraron cifras do 100% de ocupación hostaleira.

Balance en Ourense

Para os responsables da capital ourensá, é a oferta de turismo termal, gastronómico e de patrimonio histórico artístico que ofrece a cidade a que logrou captar ata 750 novos visitantes -oito de cada dez-, a maioría procedentes de diferentes puntos da península.

Os datos recabados confirman que a estancia media vai en aumento. Se ben seguen sendo maioría os que só pasan unha xornada en Ourense (un de cada dous), cada vez máis son os que pasan aquí dous días (un de cada cinco) ou máis xornadas (un de cada tres).

O Claustro de San Francisco rexistrou unha gran acollida de visitantes estes días de Semana Santa. Entre o mércores e o domingo, máis de 400 persoas achegáronse a contemplar o mellor conservado claustro gótico de Galicia.

Durante a ponte de Semana Santa, o Centro Cultural Valente contabilizou unhas 800 visitas. Nestes momentos, este espazo cultural acolle a exposición “Ourense imaxinado”, un percorrido por unha cidade imaxinada, inexistente pero recoñecible, a través de dez proxectos non realizados ao longo dun século (1913/2013).

Os hoteis da cidade rexistraron plena ocupación durante os días festivos de Semana Santa 2015. Os datos recabados pola Oficina Municipal de Turismo de Ourense en contacto cos establecementos da cidade constatan que os hoteis da cidade rexistraron unha ocupación media do 98%.

Ourense tamén presume da súa oferta termal. Un total de 2.824 viaxeiros e viaxeiras achegáronse ás áreas termais da marxe dereita do río Miño no servizo do Tren das Termas, dende o xoves, 2 de abril ata o domingo, 5, segundo os datos proporcionados por Urbanos de Ourense. Pola súa banda, a área termal das Burgas recibiu a un milleiro de persoas que se bañaron nas súas augas termais durante os 4 días festivos, cunhas 250 persoas durante as xornadas do xoves, o venres e o sábado, e preto de 200 durante o domingo.