Ambos sindicatos destacan que a gran maioría dos contratos rexistrados son temporais.

 

Para a Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense a baixada do paro en marzo en Ourense, aínda sendo aparentemente positiva, é “mínima e insuficiente”.

Dende o sindicato advirten que tan só 317 persoas atoparon emprego na provincia, concentrándose as contratacións na actividade estacional derivada da campaña de Semana Santa. “Só hai que mirar que o maior descenso dáse no sector servizos con 158 persoas menos desempregadas e paralelamente hai 47 persoas máis sen emprego anterior, o que demostra que o mercado laboral de Ourense non crea novos empregos. O emprego creado, sobre todo no sector servizos, é rotatorio, non estable, de altas e baixas atendendo á estacionalidade e o 88% dos contratos que se fixeron este mes, son temporais” afirma Ana I. Barrios, secretaria xeral do sindicato en Ourense.

Segundo a portavoz de CCOO, a situación socioeconómica provincial segue sendo dramática e traumática, “os recortes salariais, xunto coa non aplicación das revisións salariais asinadas en convenio, provocan unha perda de poder adquisitivo que supera xa o 20% e, tan só 1 de cada 3 traballadores ourensáns, supera os 1.000 euros mensuais. O salario medio en Ourense é o máis baixo de Galicia e un dos máis baixos de todo o Estado e, dende que comezou a crise no ano 2008, a baixada salarial para as ourensás e ourensáns é do 10%”.

Barrios cualifica de erróneas as políticas e recortes socio laborais do Partido Popular e advirte sobre a propaganda maquilladora do goberno, “nun ano repleto de citas electorais, xa non é doado enganar aos cidadás vendendo unha recuperación económica inexistente que segue a cebarse cos máis débiles”.

A dirixente de CCOO remata afirmando con rotundidade que “mentres persista a situación de crise é imprescindible un sistema de protección social e económica, unha renda mínima garantida que dea cobertura ás persoas que o precisen e que posibilite a erradicación das desigualdades, a marxinación e a pobreza. Todo o demais será fume electoral”.

A CIG tamén é critica con estas cifras

A CIG destaca tamén o efecto da Semana Santa e as próximas citas electorais como explicación ao descenso do paro na nosa provincia durante o mes de marzo.

“Ourense foi a provincia galega onde menos se notou o descenso do paro e reduciuse fundamentalmente pola contratación para a Semana Santa no sector servizos e polo incremento de obras na construción por atoparnos en período preelectoral”, sinalan.

Con respecto á contratación, os contratos rexistrados foron 4.864 “e só o 8% son de contratación indefinida”, denuncian dende o sindicato. Ademais, máis da metade dos desempregados non perciben ningún tipo de prestación e dos que a perciben menos da metade reciben a contributiva, “polo que prodúcese un aumento de persoas que están no umbral da pobreza”.

Como consecuencia, a CIG reivindica, unha vez máis, un cambio radical na política do Goberno Central e da Xunta de Galicia e a posta en marcha de medidas para a creación de emprego nesta provincia “que pasan pola aplicación das 100 medidas que
figuran na Iniciativa Lexislativa Popular rexeitada polo PP no Parlamento Galego”, aclaran.