A actuación irá dirixida á consolidación estrutural da fachada noroeste e restauración de parte das cubertas.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a formalización do contrato de obras de consolidación estrutural da fachada noroeste e restauración das cubertas das ábsidas da igrexa do mosteiro de Santa María de Melón, no concello de Melón, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. A obra, que no seu conxunto supón un investimento de 181.480,25 euros, ten un prazo de execución de 6 meses.

As novas intervencións, enmarcadas no Plan Director e de usos do conxunto do Mosteiro de Melón, veñen dar continuidade e completar as actuacións xa realizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nesta igrexa entre os anos 2012 e 2013 e irán dirixidas a consolidar desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar. Así mesmo limparase a fábrica do campanario da igrexa e substituiranse as cubertas das ábsidas, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado.

Ademais, entre outras melloras, realizaranse reformas na sancristía e estudaranse os restos atopados durante a reforma do 2012 coa desmontaxe do contraforte, entre eles unha porta medieval que comunica coa pila bautismal da igrexa.